MANUEL TORRES
Torres Martínez, Manuel
( Marín, Pontevedra, 17 de junio de 1901 - 10 de mayo de 1995 )
Biografía
O pintor Manuel Torres Martínez, antes xa dos dezaoito anos, que é cando ultima a súa carreira de maxisterio —profesión á que dedicou a súa vida—, desenvolvera unha certa aproximación á actividade artística, motivado polos seus profesores, colaborando con Lino Gerpe na realización de decorados; nalgún caso realizando estampas, inspirándose nas ilustracións de revistas… Ademais, neses tempos iniciais, as lecturas lévano a aproximarse á causa galeguista.
A partir de 1925 vai frecuentar a cidade de Vigo, colaborando habitualmente en Faro de Vigo. No parladoiro do “Derby Bar”, relaciónase, entre outros, con Dieste, Maside, Roberto Blanco, Paz Andrade e igualmente con Castelao, cando o intelectual pasaba por alí. Ese contexto de relacións, nunha idade tan nova, resultará, en certo modo, determinante.
En 1927 a Deputación Provincial de Pontevedra concédelle unha bolsa para unha estancia en Madrid; alí asiste a clases no Círculo de Belas Artes e acode, con certa asiduidade, ao Museo do Prado. Entre 1929 e 1930 volverá á capital de España. E en 1931 irá, tamén cunha bolsa, a París; é o tempo da II República e a Torres cabe encadralo no proceso de renovación da pintura galega, igual ca autores como Arturo Souto, Virxilio Blanco, Maside ou Laxeiro; con todos eles ten unha vinculación importante.
Os temas que trata son de carácter figurativo, atendendo tanto ao xénero da paisaxe coma ao retrato e bodegóns. Practica a viñeta e a caricatura en debuxo, e o linóleo e o óleo en pintura. Tamén realiza escultura.
Cabe distinguir unha seguinte etapa na súa biografía que leva desde 1936, co inicio da Guerra Civil, ata o momento da súa xubilación como mestre de escola, en 1967. Ademais das fórmulas utilizadas de xeito habitual no tempo anterior, agora vaise ocupar, ademais, coa técnica do gravado, da acuarela, dos denominados, por el mesmo, “óleos monotipos”, e do pastel. Os avatares desta época levarano a vivir, basicamente, en Marín o que fará que esta vila e os seus arredores sexan, tantas veces, protagonistas da súa arte.
A partir de 1967 a súa única ocupación vai ser a práctica da arte. A súa vocación indagadora, propia dun ser vocacionalmente autodidacta, lévao á práctica do “óleo-rascado”, co que redunda nese aquel, un tanto artesanal, co que Torres se enfronta á acción artística. Marín segue, como non podía ser doutro xeito, sendo referente constante, como imaxe alusiva dunha Galicia rural e mariñeira.
O seu aquel de pintar constrúe solidamente a representación, en ocasións, case, coa ollada dun escultor; noutras, de forma máis ben diluída, atendendo ao fugaz, sobre todo na maneira, tan vivida, de presentar esas sentidas paisaxes de soidade e beleza ás que, tantas veces, as súas acuarelas nos transportan.
A colección Afundación contén dúas obras deste pintor: Peixeiras (1969) e Paisaxe con vacas (1975), testemuñas das súas dúas temáticas máis apreciadas.
José Manuel García Iglesias
Bibliografía
Manuel Torres: Exposición antológica. Vigo, Caixavigo, 1987.
Pablos, Francisco: Colección Adriano Marques de Magallanes. Vigo, Concello, 1992.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Castro, X. Antón: Renovación e avangarda en Galicia (1925-1933). Pontevedra, Diputación Provincial, 1985.
Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987.
Ilarri Gimeno, Angel: Catálogo do Pazo Museo «Quiñones de León» Vigo, Concello, 1987.