MANOLO VALDÉS
Valdés Blasco, Manolo
( Valencia, 8 de marzo de 1942 )
Biografía
A súa infancia e mocidade están moi vinculadas a Altura, poboación castellonenca onde nace a súa nai. En 1957 ingresa na Escola de Belas Artes de San Carlos da súa cidade natal, e dous anos despois abandona os estudos para dedicarse á pintura. En 1962 realiza a súa primeira mostra individual na Galería Nebli de Madrid. En 1964 participa na creación do grupo Estampa Popular Valenciana ─realizan varias exposicións e en 1967 o grupo disólvese─ e tamén crea, xunto cos tamén valencianos Juan Antonio Toledo e Rafael Solbes, o Equipo Crónica (1965-1981); grupo artístico fundamental dentro da vangarda española no marco do último período franquista e a transición democrática co que realiza numerosas exposicións en España e Europa. Á marxe do Equipo Crónica nestes anos desenvolve así mesmo unha intensa actividade expositiva. Tras a morte de Solbes en 1981 ─Toledo desvinculouse do grupo en 1966─, continúa a súa carreira en solitario afincado en Valencia. Realiza a súa primeira mostra, tras a disolución do grupo, na Galería Maeght de Barcelona en 1982, e sete anos máis tarde viaxa a Nova York, onde se establece e monta un estudo, que alternará con Madrid. Cunha abafadora proxección internacional, a súa obra percorreu o mundo, e foi galardoado con numerosos e prestixiosos premios entre os que cabe destacar o Premio Nacional de Artes Plásticas, a Medalla de Oro al Mérito en las Bellas e o Premio Asociación Española de Críticos de Arte ARCO. Realizou numerosas esculturas públicas en España e o estranxeiro ─xeralmente de gran formato─, e a súa obra forma parte das máis prestixiosas coleccións a nivel mundial como a do MNCARS (Madrid), MoMA e Guggenheim (Nova York), ou a do Centre Georges Pompidou (París), entre moitas outras.
Considerado un dos máis importantes creadores españois do século XX, e de espírito multifacético, cultiva a pintura, escultura, obra gráfica, colaxe, cartel, e as artes aplicadas; no seu traballo, estruturado en series, asegura gozar enormemente do proceso creativo. Con Estampa Popular e Equipo Crónica desenvolve unha obra cun estilo impersonal, de forte compromiso social e político influenciado polo pop art, no que recorren a obras icónicas da historia da arte de autores como Velázquez ─a súa principal referencia─, Goya, Matisse, Picasso ou Brueghel, entre outros. No seu camiño en solitario, marcado pola experimentación técnica e a variedade temática, recupera o carácter persoal, así como a influencia informalista dos seus primeiros inicios pictóricos ─Millares Tàpies ou Dubuffet, entre outros─ que fusiona co imaxinario clásico ou extraído da cultura popular. A influencia neoiorquina adivíñase nos seus grandes formatos ou nos seus motivos extraídos da vida cotiá. A textura e a materia resultan fundamentais na súa obra, e afirma: «Detrás da materia sempre hai un debuxo moi preciso».
A obra gráfica Perfil VI (2006) que integra a Colección Afundación pertence a unha serie de retratos ─o xénero máis representativo do autor valenciano─ que realiza ao longo da década do 2000. O seu afán experimental apréciase na combinación de aguafuerte ─técnica que empeza a traballar en 1982─ con aguatinta e colaxe sobre papel. Nun retrato de busto e de perfil dunha dama, sobre un fondo neutro que evoca os retratos clásicos, xoga co contraste entre o branco do rostro e outras zonas, o colorido vivaz dos adornos do cabelo e o marrón que utiliza en certas partes. Así mesmo, contrasta a linguaxe xestual de certos trazos con outros que parecen responder a patróns xeométricos, para configurar unha personalísima e audaz obra.
Bibliografía
BOZAL, V.: Arte del siglo XX en España: Pintura y escultura 1939-1990. Tomo 2, Espasa Calpe, Madrid, 1995.
VALDÉS, M.: Manolo Valdés. La intemporalidad del arte, Villegas Editores, Bogotá, 1999.
VV. AA.: Diccionario de pintores y escultores españoles del siglo XX. Tomo 14, Forum Artis, Madrid, 1994, pp. 4320-4323.