JESÚS VALMASEDA
Valmaseda Pantoja, Jesús
( Toledo, 1960 )
Biografía
O artista toledano vive desde moi novo en Galicia, onde estuda formación profesional, e iníciase no universo artístico xunto ao escultor Raúl Comesaña. O seu afán viaxeiro levouno a México, onde reside durante un tempo. Despois regresa a Galicia e instálase definitivamente no mundo rural de Covelo, en Pontevedra. En 1984 realiza a primeira mostra individual na Casa da Cultura de Vigo, despois veñen mostras tanto individuais coma colectivas fundamentalmente nas principais cidades galegas, así como en Madrid, Cuenca, Toledo, Barcelona, Francia ou Portugal; tamén intervén na feira de arte contemporánea ARCO en repetidas ocasións. Recibe unha bolsa da Xunta de Galicia en 1989, e tamén obtén diversos galardóns de escultura e arquitectura en Galicia e Castela -A Mancha. Está representado nas coleccións da Fundación Rodríguez Iglesias da Coruña, Concello de Covelo, Museo de Ourense, Museo Municipal do Barco de Valdeorras, ou nas de museos de Castela - A Mancha. Comparte a vida coa súa parella, a artista Rosalía Pazo Maside, con quen colabora en numerosas ocasións a nivel artístico.
O seu traballo, que abarca a escultura —a súa principal faceta—, intervencións site specific e pintura, está caracterizado pola cohesión tanto a nivel plástico coma conceptual; a súa principal preocupación é a investigación dos aspectos formais e materiais, e no seu discurso —intenso en canto ao concepto— destaca o seu compromiso coa realidade e o seu espírito crítico. Sérvese de diversos elementos —materiais que atopa ao seu arredor, normalmente sobrantes doutros traballos— como a madeira, o ferro, uralita, aceiro, cartón, papel ou cristal para realizar as súas obras baseadas no rigor formal e na estruturación xeométrica. Tamén cómpre salientarmos as súas obras de carácter público, entre outras, unhas monumentais e funcionais chemineas en aceiro en Vigo e Santiago de Compostela, así como as súas múltiples intervencións escultórico-funcionais en arquitectura e interiores; traballos que lle reportaron importantes premios. Como unha sorte de compilación do seu labor multifacético, constrúe el mesmo paseniñamente a súa propia casa-taller, sen dúbida o seu proxecto máis ambicioso.
Na Colección Afundación figuran dúas obras do autor. A obra Sin título presenta unha forma cadrada, conformada por nove pezas en formato cadrado e rectangular que conteñen círculos, e no centro, unha suxerida pirámide azteca; evoca a súa etapa mexicana e evidencia a importancia da arquitectura no seu traballo. Somete a superficie a un tratamento químico que xera un rico xogo textural e cromático nunha composición dominada pola xeometría e o construtivismo, que parece emparentar coa escultura. Histonomía (1997), que significa «disección dos tecidos orgánicos», pertence á serie Visión epidérmica, da que o artista afirma: «Todo o que se ve é superficie». As obras desta serie zumegan ironía e son ricas en xogos texturais, materiais —neste caso, entre o cartón queimado e a madeira—, e formais en relación cos seus títulos.
Bibliografía
1 Bienal de Pintura de Ourense, Museo Municipal, Ourense, 1995.
GONZÁLEZ-ALEGRE, A.: Jesús Valmaseda, Galería Bacelos, Vigo, 1995.
JESÚS Valmaseda, Caja Madrid. Obra Social, Pontevedra, 2000.
VISIÓN epidérmica, Galería Bacelos, Vigo, 1998.