VÁZQUEZ CEREIJO
Vázquez Cereijo, José Luis
( Lugo, 1940 - 2016 )
Biografía
É sobriño do poeta Luís Pimentel. A súa infancia e adolescencia transcorren en Lugo onde inicia a formación artística con Anxel Xohán no Círculo das Artes. En 1958, tras iniciar en Santiago a carreira de Medicina, trasládase un ano despois a Madrid para estudar Arquitectura, que pronto abandona para finalmente titularse en Arquitectura Técnica; desempeñará durante varios anos un labor docente como profesor de Debuxo que simultaneará coa súa faceta artística. Realiza a primeira exposición individual en 1969 na libraría/galería Cultart da capital, á que seguen outras na Galería Kreisler e na Galería Toison. Nestes anos profunda na cultura do “27” con, entre outros, Gregorio Prieto e Maruja Mallo —editará case a totalidade da obra gráfica da célebre artista—, e mantén unha amizade case familiar con Juan Manuel Bonet e Andrés Trapiello, cos que empeza a colaborar en diversas publicacións e compartir mañás dominicais no seu querido Rastro. En 1978 forma o grupo ABRA, no que tamén participan Xosé Luís de Dios, Luis Eduardo Aute e tres artistas máis, cos que expón en ARCO e cuxas exposicións viaxan a Bélxica e Alemaña. O seu espírito inquieto lévao a crear a galería de arte Mínima, onde expón obras de artistas como Picasso ou Miró, e tamén de amigos como Gregorio Prieto ou Manuel Viola. En 1983 o Concello de Madrid encárgalle un mural. O seu carácter viaxeiro fai que percorra a Rusia comunista e os países do Leste que conclúe cunha mostra no Centro Cultural de Colón de Madrid con pinturas e gravados sobre Praga —fascínao esta cidade, á que regresará en múltiples ocasións— unha mostra que presenta persoalmente Eugenio Granell. Ao longo dos oitenta e noventa destaca a súa intensa actividade expositiva en Europa e América. En 1998 obtén o Premio Nacional de Gravado. A súa obra figura en coleccións tanto nacionais coma internacionais. A pesar de residir en Madrid gran parte da súa vida, regresa con frecuencia a Lugo e Viveiro, ata que en 2013 se instala definitivamente na súa residencia lucense.
Artista, editor, e coleccionista de obras de arte —principalmente gravados, libros, porcelana e antigüidades— cultivou o cinema, a escenografía, a música, e de maneira especial a pintura, o gravado e mais a poesía. A súa obra pictórica está marcada polo misticismo de escuras cores —domina o gris en conexión co seu amigo Tino Grandío— e a dimensión poética. Os recordos da infancia, a memoria e mais a fantasía tiveron un papel protagonista na súa obra. A finais dos setenta define a súa pintura baseándose nas seguintes correntes: expresionismo alemán, surrealismo próximo a Matta e a Wilfredo Lam e a “pintura-froita” característica de Bores. Combina a pintura coa obra gráfica, e leva a cabo litografías, augafortes e xilografías.
Na Colección Afundación atopamos un retrato no que parte do rostro do seu fillo Iván termina fusionándose co seu propio rostro. Nun espazo misterioso en penumbra, a cabeza do seu fillo aparece rodeada de bandas verticais e un peixe de grandes dimensións, xunto cun triángulo, un barco, auga e pequenos pictogramas. Todos eles son símbolos recorrentes nas súas composicións que dotan a peza dunha interesante narrativa oculta. A factura é lixeira e lisa, con chispazos de cores vivas sobre o característico cromatismo nas gamas de negros e gris dominante.
Bibliografía
Castro Arines, José de: Vázquez Cereijo, la pintura como profesión. Madrid, 1982. Bonet, Juan Manuel: Dossier para la revista Guadalimar. Enciclopedia Gallega Vol. 29, Gijón. S. Cañada, edit, 1973 y ss.