MANUEL VÁZQUEZ PAZ
Vázquez Paz, Manuel
( Santiago de Compostela, 1969 )
Biografía
Como boa parte dos artistas novos, cursou a carreira superior de Belas Artes, na facultade de Pontevedra, entre os anos 1991 e 1996. Participou en 1992 en Novos Valores, da Bienal de Pontevedra, que repetiu en 1994. O anterior expuxo nunha colectiva en Londres. Interviu no taller de arte actual auspiciado por Fenosa e dirixido por Lucio Muñoz, en 1997, ano no que participou na quinta edición da prestixiosa Mostra da empresa hidroeléctrica galega, na Coruña, repetindo a súa intervención no precedente, dirixido por Rafael Canogar. Asistiu a talleres de gravado e serigrafía e volveu a ser seleccionado en Novos Valores da Deputación pontevedresa. Gozou da bolsa de estudios Erasmus, en Londres. Está representado no Museo Carlos Maside, de Sada, A Coruña, e en coleccións institucionais de Galicia e doutras cidades de España. Manuel Vázquez, adscrito a un informalismo de vagas referencias surrealistas, non adoita titula-los seus cadros, quizais no convencemento de que hai que afastalos de toda posible anécdota. En espacios idealmente infinitos, como cósmicos, inscribe insinuacións arquitectónicas, coma se fosen cidades vistas desde distancias siderais. Masas de algodóns, posibles alusións a nubes, dominan a superficie, en entoacións case uniformes de grises, azuis diluídos, verdes suavizados. Paisaxes aéreas contempladas entre soños do pasaxeiro, cunha imprecisión e o paradoxo da ventá dun avión, desde a que se abarcan inmensidades irreferenciais.
Bibliografía
-V Mostra Unión Fenosa. Catálogo. A Coruña, 1997.