LUIS TRABAZO
Vázquez Trabazo, Luis
( Ourense, 1912 - 1978 )
Biografía
De pequeno mostra unha precocidade e unha intelixencia singular que se reflectirá na súa destacada actividade multifacética posterior. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, traballa na avogacía durante un breve período, ata 1936, momento no que participa na Guerra Civil no bando franquista, onde obtén polo seu heroísmo e dotes de estratega a medalla militar individual, unha das máis altas condecoracións castrenses. Tras a contenda, rexeita o camiño que se lle abre para facer carreira no exército e tamén a súa anterior profesión de avogado. Enferma de tuberculose ─a súa saúde debilitarase para sempre─ e pasa longas tempadas hospitalizado en Salamanca ou no Guadarrama, períodos que aproveita para desenvolver a lectura, o estudo ou a escritura. Posteriormente, instálase en Madrid onde se gradúa en Xornalismo, e combinará esta profesión con outras actividades entre as que resaltan a literatura, o debuxo e a pintura. Convértese en redactor xefe da revista carlina Misión e colabora noutras publicacións como ABC, Índice, Pueblo, Informaciones ou La Región. Así mesmo, dirixe unha galería de arte en Madrid. Comeza a pintar con máis de corenta anos e realiza a súa primeira mostra en 1958, á que lle seguirán exposicións arroupadas pola crítica nas principais cidades de Galicia e Madrid. Regresa de maneira definitiva cara a finais dos anos sesenta a Ourense, onde se dedica con maior intensidade á práctica pictórica. Exerce como director do Instituto de Estudios Orensanos Padre Feijoo, e publica o tratado de filosofía política ¿Violencia o razón? (1969) ou monografías de arte entre as que destaca Pedra, barro, bronce (1978), na que homenaxea a traxectoria dos seus amigos escultores Antonio Faílde, Arturo Baltar e Manuel Buciños e dáos a coñecer en Madrid. Morre prematuramente debido aos seus problemas de saúde. Unha boa parte da súa obra atópase representada na Colección da Deputación de Ourense e noutras de diferentes museos galegos.
Personaxe singular e multidisciplinar, foi intelectual, artista, bohemio, pensador, xornalista, escritor, crítico de arte, avogado, militar, xadrecista… A súa faceta artística comézaa a cultivar de maneira tardía, na súa emotiva pintura a temática principal é a paisaxe. Achéganos a natureza a través dunha linguaxe postimpresionista marcado a nivel formal principalmente por unha pincelada solta e espontánea con abundante materia e sobrio cromatismo.
Dúas obras pictóricas figuran na Colección Afundación. En ambas as paisaxes, construídos con espesa materia, recoñécese unha clara estruturación que deixa aproximadamente un cuarto de espazo no bordo superior do lenzo para o horizonte en azuis e brancos, que contrastan coas tonalidades verdes, amarelas, laranxas e ocres predominantes nos terreos. Na paisaxe de 1970, mostra unha ampla perspectiva cunha visión notablemente elevada na que aparecen unha serie de liñas en diferentes direccións que organizan o territorio de outeiros e vales xunto a unha serie de árbores e unhas casas cara ao fondo da composición, mentres que no de 1975, focaliza a súa atención na natureza, con arbustos, herbas e campos segados, que sitúa moi próximos ao espectador cun baixo punto de vista.
Bibliografía
ESPELLO do interior, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1995.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, Vigo, 1981.
VV. AA.: Colección Caixavigo: pintura, escultura, dibujo. Tomo 1, Caixanova, Vigo, 1993, pp. 294-295.
VV. AA.: Enciclopedia Galega Universal (EGU). Tomo 16, Ir Indo Edicións, Vigo, 2003.