VICENTE BLANCO
Blanco Mosquera, Vicente
( Cee, A Coruña, 1974 )
Biografía
Licenciado en Belas Artes na especialidade de Escultura pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra, realiza os seus cursos de doutoramento, «Práctica e Límites da Escultura», na Universidade do País Vasco de Bilbao, e é doutor pola Universidade de Granada, na Facultade de Belas Artes. Entre o ano 1996 e o 2007 obtén diferentes bolsas: bolsa de colaboración no Departamento de Expresión Artística da Universidade de Vigo, bolsa da Deputación da Coruña para ampliación de estudos artísticos no CGU de Los Ángeles (California), bolsa de proxectos Xeración 2000 Caixa Madrid, bolsa de creación artística Unión Fenosa, que goza nunha Künstlehaus en Berlín, e bolsa Endesa. Así mesmo, entre os seus galardóns atópanse o I Premio Estampa Comunidad de Madrid (2008), o Premio Internacional da Bienal de Arte Fundación María José Jove (2010) ou o I Premio de Pintura Concello de Cambre (A Coruña, 2015). Cunha ampla proxección internacional, inicia a súa actividade expositiva en 1995 e realiza a súa primeira mostra individual baixo o título «Luces de artificio» na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela no ano 1998; desde entón, expuxo a súa obra en reputadas feiras de arte contemporánea como ARCO, así como en destacados espazos como o MNCARS de Madrid, o CGAC de Santiago de Compostela ou o Centro Pompidou de París, entre outros. A súa obra atópase representada en reputadas coleccións como a de Unión Fenosa, Fundación María José Jove, CGAC, MUSAC, Caixa Madrid, Fundación Coca-Cola, Abanca, Endesa, Museo Patio Herreriano, Deputación da Coruña ou a da Comunidad de Madrid. Cabe destacar a súa faceta investigadora, así como o seu traballo como profesor na Facultade de Maxisterio de Lugo (Universidade de Santiago de Compostela), cidade na que reside.
Artista multidisciplinar cun persoal e definido estilo, cultiva a ilustración, o debuxo, a colaxe, a pintura, o mural, a fotografía, a instalación ou a videocreación ─principalmente a animación─, cun especial interese na narración e a súa relación co proceso de construción da identidade. Emprega diversos medios e soportes, de tal forma que xera diálogos e hibridaciones entre eles, para fragmentar a narrativa e que sexa o espectador o que interprete a obra segundo o seu contexto; confírelle un papel activo ao espectador e así poder crear outros discursos e significados que se afasten do socialmente establecido ou imposto; nesta liña, desenvolve a súa relación coa docencia a través da arte. Afirma Blanco: «Non se trata de obras con argumento, son imaxes coas que busco que o espectador cre a súa propia historia». Influenciado principalmente polo mundo do cómic, a literatura fantástica, a cinematografía ou a televisión, na súa produción existen unha serie de símbolos e elementos recorrentes, especialmente a adolescencia, como un tempo indeterminado que se sitúa entre a realidade e a ficción.
Na obra que forma parte de Colección Afundación, Collage, 1 (2009), emprega a técnica da colaxe sobre cartón ─que asegura facer para animación─, coa que reivindica «o artesanal e a identidade», pois recupera da súa contorna rural lucense diversos elementos como a flora, o folclore, diferentes pezas construtivas, así como arquitecturas en ruínas ou que caeron no esquecemento; primeiro documenta a través da fotografía cada elemento, e posteriormente incorpóraos á obra descontextualizados ─mediante tinta ou papeis recortados pintados cunha gran presenza de volumetrías xeométricas─, para así revisalos e reinterpretarlos cun novo significado.
Bibliografía
VICENTE Blanco: proyectos / proxectos / projects, Catálogo de la exposición de Vicente Blanco, beca de creación artística en el extranjero Unión Fenosa 2003, Unión Fenosa, A Coruña, 2007.
VV. AA.: Galicia Arte. Tomo XVI: Arte Contemporáneo, Hércules de Ediciones, A Coruña, 1999, pp. 415-417.
VV. AA.: 90:08: Artistas galegos do século XXI, Santiago de Compostela, Artedardo, 2007, pp. 40-43.