VIRXILIO VIÉITEZ
Viéitez Bértolo, Virxilio
( Soutelo de Montes, Forcarei, Pontevedra, 23 de octubre de 1930 - 15 de julio de 2008 )
Biografía
Se cría entre mulleres sen figura paterna, un emigrante ao que non chega a coñecer. A súa infancia está marcada polo ambiente rural e o traballo no campo, máis que pola escola primaria, algo propio da Galicia rural dese momento. Con dezaseis anos iníciase no mundo da construción, no aeroporto de Santiago de Compostela, e dous anos máis tarde traballa nos teleféricos próximos a Panticosa, momento no que compra a súa primeira cámara fotográfica. Posteriormente, trasládase a Palamós e traballa co fotógrafo Julio Pallí, decide abandonar a construción e dedicarse profesionalmente á fotografía; durante esta etapa aprende o oficio e os retratos de turistas na Costa Brava constituirán os seus primeiros traballos. En 1955, ao enfermar a súa nai, regresa á súa terra orixinaria e leva consigo o traballo do seu período catalán; que termina destruído nun accidental incendio. Realiza o servizo militar obrigatorio e en 1957 renova o seu labor fotográfico e abre un estudo na súa aldea, tarefa que compaxina con traballos eventuais como correspondente no El Pueblo Gallego e a emisora Voz de Vigo. Retírase profesionalmente nos anos oitenta, e é a súa filla Keta a primeira en poñer en valor a súa obra, e quen decide realizar unha exposición na súa aldea en 1997, a súa primeira mostra e a súa consagración como artista; asisten Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal, quen queda impresionados coa súa obra e deciden darlle unha intensa difusión. A esta mostra, séguenlle outras en Vigo, Madrid, Barcelona, Ámsterdam, París ou Nova York, entre outras cidades. Considerado unha das figuras máis destacadas da fotografía galega do século XX, unha fotografía da súa autoría atópase no libro Mis fotos favoritas do soado fotógrafo francés Cartier-Bresson.
Era fotógrafo por encargo, realizaba principalmente fotografías de carné de identidade ─obrigatorio a partir da primeira década dos sesenta─ e de eventos como vodas, bautizos, comuñóns ou enterros, pero tamén de quefaceres cotiáns ou con obxectos símbolos de bonanza; temáticamente o seu traballo, que constitúe un documento etnográfico de enorme interese, está moi condicionado pola intensa emigración galega do momento, el mesmo sostén que América Latina está asolagada de fotografías súas; son imaxes, a maioría en branco e negro, nas que inmortaliza á sociedade da Galicia rural. No plano estilístico é onde se mostra totalmente innovador e xenuíno, mercé á súa intuición, cunhas escenografías que foxen do establecido e resultan absolutamente orixinais, nun traballo caracterizado pola sinxeleza, o intenso realismo, e a precisión técnica; resalta a exactitude da imaxe, el mesmo afirma: «A imaxe que sexa nítida e transparente».
A obra que forma parte da Colección Afundación, de 1960, é unha das súas máis soadas instantáneas; figura no cartel inaugural da súa primeira mostra. Nela aparece Dorotea do Cará, nai dun emigrante a América, que quixo que a retratase sentada no exterior da súa contorna xunto á radio que comprara co diñeiro que lle enviaba o seu fillo. Na imaxe en branco e negro, a muller móstrase cun xesto de felicidade contida e ocupa a característica posición central na composición ─comparte protagonismo coa radio─ nunha estudada posta en escena. Os seus retratos desvincúlanse do retrato de estudo imperante, pois afai fotografar á xente en exteriores ─para el a fotografía máis bonita é a de rúa─ con elementos de atrezo e decoración que ambientan escenas cheas de autenticidade.
Bibliografía
SENDÓN, M. e SUÁREZ CANAL, X. L.: Virxilio Vieitez, Centro de Estudios Fotográficos, Vigo, 1998.
SENDÓN, M.: Imaxes na Penumbra. A fotografía afeccionada en Galicia (1950 - 1965), Edic. Xerais, Vigo, 1998.
VIII Fotobienal Vigo, Concello de Vigo, Vigo, 1998.
VV. AA.: Diccionario de fotógrafos españoles. Del siglo XIX al XXI, La Fábrica, Madrid, 2013, pp. 598-599.
VV. AA.: Virxilio Vieitez, o retrato. Vigo, Grupo de Investigacións Fotográficas, Universidade de Vigo, Vigo, 2000.
VV. AA.: Virxilio Vieitez, Fundación MARCO-Fundación Telefónica, Vigo, 2011.