CHRISTIAN VILLAMIDE
Villamide, Christian
( Lugo, 1966 )
Biografía
Comeza os seus estudos artísticos no ano 1985 na Escola de Artes Aplicadas de Lugo, aínda que a maior parte da súa formación plástica é autodidacta. Ese mesmo ano realiza a súa primeira exposición individual na Deputación Provincial da súa cidade natal. Participa en numerosas exposicións, tanto individuais coma colectivas, en España e no estranxeiro, principalmente en Latinoamérica. 1991 marca un fito na súa traxectoria, pois obtén tres importantes galardóns que o posicionan como artista emerxente no panorama artístico galego: o premio da II Mostra Unión-Fenosa da Coruña, o segundo premio de pintura no Certame de Artes Plásticas de Lugo e a mención honorífica no X Premio Cidade de Jaén de Pintura. Así mesmo, obtén a bolsa de creación artística da Xunta de Galicia nos anos 1992 e 1993, e a bolsa Valdearte (O Barco de Valdeorras, Ourense) en 1996. Trasládase nos inicios da década do 2000 ás Illas Canarias, onde reside ata 2010, momento no que se instala de novo en Galicia. En 2019 o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) realiza unha exposición individual da súa obra. Participou en feiras de arte contemporánea como ARCO, Estampa ou Art Madrid, e en bienais de diversas provincias españolas; destaca a II Bienal de Canarias (Arte, Arquitectura e Paisaxe) no ano 2009. A súa obra atópase representada en renomeadas coleccións institucionais e privadas como a Colección de Arte Afundación, Gas Natural Fenosa, Centro de Arte Contemporánea de Caja de Burgos, Caja Canarias, Caja Madrid, Delegación de Cultura de Lugo, Museo Municipal de Ourense, Fundación de Arte Ana Torre (Bos Aires, Arxentina), Xunta de Galicia, Colección Valdearte (O Barco de Valdeorras, Ourense) ou a do Museo Provincial de Lugo.
Christian Villamide é un artista multidisciplinario que na actualidade traballa principalmente con fotografía, pintura, escultura e instalacións. Acha a motivación do seu quefacer artístico no territorio que habita, na necesidade de que a memoria permaneza; transmite un continuo desafío entre o mundo natural e o artificial, entre o puro e o contaminado. Comeza a súa andadura como pintor, próximo a postulados minimalistas e povera cunha linguaxe ecléctica á que achega elementos propios, e con materiais naturais e industriais pouco habituais no mundo artístico. A partir do seu traslado a Canarias, a comezos do século XXI, a súa devoción pola natureza intensifícase e interésase en maior medida pola fotografía, instalacións e intervencións en espazos específicos; a idea pasa a ser protagonista na súa obra sobre calquera tipo de elección preconcibida en canto á técnica. Traballa con moi diversos materiais e soportes como mármore, madeira, ferro, cemento ou metacrilato.
Dúas obras do artista forman parte da Colección Afundación, ambas da segunda metade da década dos noventa, realizadas con técnica mixta. Nelas integra obxectos engadidos con variacións seriais, e recorre a signos e símbolos como frechas. Foxe de calquera barroquismo na procura dunha pureza maior e potencia a esencialidade, influenciado polo minimalismo. A máis temperá, Soños (sobre o soño aquel), é un díptico de grandes dimensións, realizado cunha paleta restrinxida en tons neutros, no que unha figura —as extremidades dun home— actúa como nexo de unión entre os dous paneis. A precisión no uso dos recursos formais potencia a atmosfera de fantasía da peza. En O faro de Alexandría uns peixes aparecen tras un papel branco e simulan estar mergullados nun líquido sobre unha superficie de gama cromática neutra e irregular con múltiples matices.
Bibliografía
I e II MOSTRAS Unión Fenosa, MACUF, A Coruña, 1989 e 1991.
CHRISTIAN Villamide. In Landscape Mode, CGAC, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2020.
CHRISTIAN Villamide. Perturbacións, Fundación Caja de Burgos, Burgos, 2019.
CHRISTIAN Villamide, asépticos, Caja Madrid, Obra Social, Pontevedra, 2000.
CHRISTIAN Villamide (pinturas), Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1997.