MANUEL VIOLA
Viola Gamón, José
( Zaragoza, 18 de mayo de 1916 - San Lorenzo del Escorial, Madrid, 8 de marzo de 1987 )
Biografía
Na súa adolescencia estuda Bacharelato en Lérida, onde cofunda a revista de tendencia surrealista en 1933; publica artigos e poemas. Un ano máis tarde inicia os estudos de Filosofía e Letras en Barcelona, onde entra en contacto co grupo ADLAN (Amigos de las Artes Nuevas); realiza os seus primeiros debuxos e colaxes surrealistas. Durante a contenda civil española, sitúase no bando republicano, e tras a derrota, exíliase en Francia e é internado nun campo de concentración. Escapa e combate en Dunkerque, e posteriormente incorpórase á resistencia francesa co nome de «Manuel». En 1940 instálase en París, establece amizade cos surrealistas e participa nas publicacións clandestinas do grupo La Main à Plume. En 1944, en Normandía, realiza os seus primeiros óleos. Un ano máis tarde, tras o desembarco dos aliados, regresa a París, onde establece amizade con artistas como Picabia, Hartung ou Schneider, entre outros, cos que expón no Salón des Surindépendants, e participa en mostras colectivas como as do grupo español da Escuela de París ata que en 1949 regresa a España ─manterá o contacto co seu círculo parisiense─. Tras uns anos de parón creativo, renova a súa actividade e realiza a súa primeira mostra individual na Galería Estilo de Madrid en 1953; comeza a súa ampla proxección internacional. En 1956 vende toda a súa obra á Galería Claude Bernard de París, e en 1958 intégrase no grupo El Paso. Polifacético, en 1962 realiza un decorado para o «tablao» flamenco Zambra no Teatro das Nacións de París, e tamén realizará grandes murais cerámicos para as sedes de Campsa e do Banco de España en Madrid. Así mesmo, é seleccionado para a Bienal de Venecia en 1964, e en 1968 é o único artista non suramericano na Bienal de Quito (Ecuador). Galardoado coa Medalla de Oro de la Ciudad de Zaragoza, a súa obra figura en prestixiosas coleccións a nivel mundial como a do Guggenheim (Nova York) ou a do MNCARS (Madrid), entre moitas outras.
Artista culto e comprometido no plano político, amante do folclore ibérico, foi un pioneiro na abstracción española. Na súa obra pictórica pódense recoñecer dúas grandes etapas. A primeira é a anterior á súa adhesión a El Paso, e está influenciada polo surrealismo e o expresionismo; a figuración, na que predominan os galos de pelexa ou toureiros, así como as alusións á paisaxe, tende progresivamente á abstracción en representacións de acento xeométrico e gran forza expresiva no trazo e cromatismo. Neste período resulta fundamental a obra Fragua (1956), pois constitúe o preludio do seu futuro estilo ─«centrado na luz e o xesto» en palabras de Calvo Serraller─, que xorde en 1958 e está definido polo seu vínculo co informalismo e o expresionismo abstracto; toma como referente a pintura tradicional española ─Goya e o barroco─ e exprésase con paixón, violencia e dramatismo, primeiro en branco e negro principalmente, para máis adiante recuperar a cor.
Hora incierta é unha obra pictórica da Colección Afundación pertencente á última etapa do autor zaragozano. Sobre o característico e misterioso fondo escuro próximo ao negro, resalta a enerxía duns trazos gestuales contrastados de amarelos e azuis con certos toques brancos que emerxen en diversas direccións desde unha arremolinado núcleo central; focaliza a súa atención no tratamento da luz, a cor e as texturas ─adivíñase o emprego da espátula en áxiles varridos matéricos─ nunha expresiva composición abstracta que parece evocar unha explosión cósmica.
Bibliografía
BONET, J. M. e GUIGON, E.: Viola esencial, Caixavigo, Vigo, 1994.
BOZAL, V.: Arte del siglo XX en España: Pintura y escultura 1939-1990. Tomo 2, Espasa Calpe, Madrid, 1995.
MANUEL Viola: El espacio por la luz, Obra Social Caja Madrid, Madrid, 2005.
VV. AA.: Diccionario de pintores y escultores españoles del siglo XX. Tomo 14, Forum Artis, Madrid, 1994, pp. 4320-4323.