A súa formación en materia artística empeza na Escola Massana en 1980, que intercala coa súa asistencia ao École de Arts Décoratifs en Xenebra, e conclúe cun premio extraordinario de fin de carreira que lle permite acceder a unha estancia na California State University. A pesar da finalización destes estudos previos, tamén realiza a carreira de Belas Artes na Facultade de Cuenca en 1996, que completará cun doutoramento en 2003.
Xoán Anleo é un artista multidisciplinar, aínda que nunha primeira instancia cabería destacar o seu distanciamento do mundo pictórico e certa afinidade á cerámica. Sobre principios dos anos noventa sentirá preferencia polo mundo das instalacións e o audiovisual, campo desde o cal desenvolve a temática da representación e a identidade. A súa relación co mundo Queer, LGTBI+ e feminista é constante ao longo da súa actividade como creador, pero pódese destacar inicialmente as súas ocasionais colaboracións coa publicación S`Homos do Colectivo Homosexual de Compostela en 1997 e, máis tarde, Genealogías feministas en el arte español: 1960-2010 no MUSAC onde se proxecta o seu vídeo Asuntos Internos (2006-2007).
De forma paralela está a súa produción musical, tanto como Xoán Anleo ou Lady DJ. Como exemplo de obra musical como «Xoán Anleo» teriamos Bailar en una línea sin dejar huella (2017), que nos serve para observar a relación entre a produción musical e o mundo expositivo, ao realizarse unha exposición que comparte o nome do álbum na Galería Magda Bellotti. Mentres que como Lady DJ realiza sesións de música electrónica e remesturas, aínda que tamén con certa vinculación ao ámbito expositivo.
Comeza a expoñer de forma colectiva a partir de 1980, pero non será ata 1989 cando realice a súa primeira exposición individual no Museo d’Art de Sabadell en Barcelona. Posteriormente expón en Cataluña, Murcia, Madrid e o territorio galego, dentro do cal destaca «Fricción» (2002) realizada no CGAC en Santiago de Compostela. Esta exposición individual, a través da obra audiovisual, fala sobre o movemento e o tempo en relación coa repetición. Tamén dentro das exposicións individuais en Galicia temos «Desorde» (2013) realizada na Fundación Eugenio Granell, onde se fai uso de múltiples recursos como textos, imaxes e música para tratar o tema da ruína e a cidade. Fóra do territorio galego atopamos exemplos como «Inductores Ideales» (2015) en Barcelona, onde xunto ao equipo de Pombal, Anleo realiza unha serie de exercicios que logo son convertidos en imaxes e vídeos.
Dentro das súas exposicións colectivas, cabería destacar as súas frecuentes participacións en Arco Madrid xunto á galería Ad hoc de Vigo desde 2008 ata 2015, galería coa que colabora de forma frecuente a partir de 2001. Fóra das feiras tamén colabora en múltiples proxectos como «Corpos en produción» (2002) no CGAC, «Genealogías feministas aen el arte español: 1960-2010» (2013) no MUSAC de León ou «Encontros sonoros» (2018) na Universidade Complutense de Madrid.
A Colección de Arte de Afundación contén unha obra do artista, Sen título (2008), que formou parte da exposición realizada no mesmo ano da produción da obra, «Algo vivo cuando todo esté muerto. Algo incierto ante tanta certeza». Composta por obra fotográfica e audiovisual, a exposición busca unha perspectiva conceptual a través da natureza, evocando así temas da brevidade da vida.
ALIAGA, J. V.: Genealogías feministas en el arte español: 1960-2010 (Catálogo), MUSAC, Junta de Castilla y León, Consejería de Cultura y Turismo, León, 2013, págs. 72 y 153.
ARCO Madrid (Folleto), IFEMA, Madrid, 2011.
COMPLETANDO discursos. Ediciones especiales del Centro de Documentación (Guía de sala), MUSAC Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León, 2017, León, págs. 10, 27 y 29.
DESACUERDOS 2. Sobre arte, políticas y esferas públicas en el Estado español, Arteleku-Diputación Foral de Gipuzkoa, Museu d'Art Contemporani de Barcelona y UNIA arteypensamiento, 2005, págs. 174-176.
FERRO, F., "Xoán Anleo" en A Nosa Terra, nº 600, 1993, págs. 40-41.
OHLENSCHLÄNGER, K.: Espacio P, 1981-1997 (Catálogo), CA2M Centro de Arte Dos de Mayo Comunidad de Madrid, Laboral Centro de Arte y Creación Industrial, TEA Tenerife Espacio de las Artes, 2007, págs. 358, 368 y 380.