No saben el camino

- INV:
- 2001
- Año de creación:
- 1810 - 1920
- Dimensiones:
- 17 x 22 x 0
- Técnica:
- Augaforte, augatinta e punta seca
Comentarios
A serie de "Los desastres de la guerra" consta de 80 estampas apaisadas, gravadas en láminas de cobre á augaforte, reforzadas, nalgúns casos, con punta seca e augatinta. Estas láminas, editadas nun papel cun ton amarelado, forman parte dun álbum encadeado con tapas de cartón duro cuberto con pel marrón e adornos en ouro, metal que tamén cobre o canto do mesmo. No lombo leva a inscrición "Goya, Los desastres de la guerra". Ás estampas precédelles unha portada litografiada na que consta o título da obra, o número de láminas que a constitúen, a técnica de execución, o autor e maila entidade que a publica, "Real Academia de Nobles Artes de San Fernando", título que ostentaba a academia antes de te-lo nome co que actualmente se coñece e data de 1873. O seu escudo figura tamén cunha lenda na que se le o lema "Non coronabitur nisi legitime certavenit" (non será coroado máis ca aquel que loitase lexitimamente). Consta tamén o lugar e a data da súa edición "Madrid, 1863", e o autor da litografía en letra pequena, na parte inferior dereita, "Lit. de J. Aragón", complétase o álbum cunha biografía de Goya, a anteportada baleira, dúas follas en branco na parte posterior e as gardas. "Los desastres" que Goya non chegou a publicar en vida, realizáronse entre 1810 e 1820. Neles plasma o xenial artista, de xeito elocuente, a crueldade da guerra, a fame e a represión. Xunta na composición o debuxo, a luz, o movemento, o argumento e o tempo no que transcorre a escena que case chegamos a percibir, como unha secuencia cinematográfica, coma nalgunhas escenas, na nº 15 "Y no hai remedio", na nº 26 "No se puede mirar", a nº 30 "Estragos de la guerra", ou a nº 41 "Escapan entre llamas". As estampas son de pequeno formato, oscilando as escenas gravadas entre unha altura de 11´8 cm na nº 25 e 15´7 cm na nº 78; e unha anchura entre 15´5 cm na nº 15 e 21 cm na nº 24. A esta medida hai que lle engadi-la marxe que bordea a escena na que figuran a lenda que lle dá o título á lámina, situada na parte inferior da mesma ou os números. O tamaño da marxe varía entre 1 cm e 4 cm, carecendo del algunha lámina coma a nº 89, que non ten marxe lateral, e case sen marxe outras coma a nº 29. Algunhas aparecen asinadas dentro do gravado, na parte inferior esquerda "Goya". Esto acontece coas láminas que teñen os números 6, 13, 16, 17, 18, 19, 20, 21, 22, 23, 24, 25, 26, 27, 39, 41, 44, 45 e 55. A carón da sinatura aparece a data "1810", nos números 22 e 27. Case tódalas estampas levan un número na marxe superior esquerda que non é o número de orde que puxo Goya, que non se mantivo nin sequera no álbum de Ceán, o seu amigo. O rastro deses números orixinais pódese detectar nalgunhas láminas, coma a nº 10 "Tampoco", que conserva na marxe inferior esquerda o nº 19 co que fora marcada en tempos de Goya. Un finísimo marco bordea a meirande parte das escenas. Del carecen os números 4, 32 e 47; na estampa nº 9 só se ve a liña da parte inferior; na nº 37 nótase moi pouco, só nunha esquina e na 46, nun lateral e tamén nunha esquina. Por acordo da Real Academia de Belas Artes de San Fernando tódolos cobres pertencentes á obra gravada de Goya deixaron de estamparse para evita-lo deterioro das pranchas cunha rutinaria edición. Xa non se volverán editar "Los desastres de la guerra" nin os demais gravados do artista de Fuendetodos. A Calcografía Nacional, ubicada na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, creou o Gabinete Francisco de Goya, no que, desde decembro de 1990, se expoñen, con carácter permanente, as pranchas de cobre, consideradas como un obxecto artístico incomparable en si mesmo, como unha obra de arte propiamente dita, e non só como un medio. Unha serie de figuras, entre as que destacan frailes, caminan unidas por unha corda, envoltas en sombras. En primeiro termo, a un nivel máis baixo, vense as cabezas de xente da vila.
Bibliografía
J. Gállego e F. Pablos. Goya, "Los Desastres de La Guerra", catálogo da exposición, reproducido na páx. 87. Lafuente Ferrari, E.: «Las pruebas de estado de Los Desastres de la Guerra» na Biblioteca Nacional, Madrid 1934 e «Los Desastres de la Guerra de Goya y sus dibujos preparatorios», I. Amatller Bacelona 1952; Andrés Laszio «Los aguafuertes de Goya», Barcelona 1946; Valeriano Bozal «Imagen de Goya» Barcelona Lumen 1983 e «La obra grabada de Francisco de Goya» no t. XXXVI do Summa Artis Madrid 1987.
Exposiciones
"Goya, Los Desastres de la Guerra", no Centro Cultural Caixavigo, xuño-xullo 1996, con motivo do 250 aniversario, do nacemento de Goya. “Los grabados de Goya en la Colección Caixanova” Museo de Arte de Sao Paulo, Brasil. Do 18 de marzo ao 3 de xuño de 2007. “Goya gravurista na Coleçao Caixanova” Museo de Arte Río Grande do Sul. Porto Alegre, Brasil. Do 14 de xuño ao 5 de agosto de 2007. “Goya en la Colección Caixanova” Freedom Tower. Miami, EE.UU. Do 20 de setembro ao 9 de novembro de 2007. “Los desastres de la Guerra” Sala Isabel de Farnesio del Centro Cultural. Aranjuez. Do 8 ao 30 de maio de 2008.