Perros al toro

- INV:
- 2002
- Año de creación:
- 1814 - 1816
- Dimensiones:
- 25 x 36 x 0
- Técnica:
- Augaforte e augatinta
Comentarios
Anunciouna Goya no Diario de Madrid o 28 de outubro de 1816. Consta de trinta e tres gravados numerados e outros sete sinalados con letras, inicialmente rexeitadas. Estas foron publicadas por primeira vez en 1876. A serie que posúe Caixavigo é a completa, con corenta estampas.
Goya foi un grande afeccionado ós touros e amigo persoal de toureiros como os irmáns Romero, ós que retratou. A serie presenta as diversas sortes da corrida, algunhas hoxe fóra do espectáculo e só moi ocasionalmente practicadas en determinados festexos, coma o salto da garrocha ou o alanceado a pé dos astados. Curiosos resultan os alcumes dalgúns toureiros ou toureiros dacabalo, como "Carlos IV" ou "El Cid", quizais para enfatiza-la súa valentía. Documento preciso é a estampa dedicada á morte na praza do toureiro José Delgado, alcumado "Pepe-Hillo", autor dun tratado de tauromaquia que coñeceu numerosas edicións, e que é unha das engadidas posteriormente, sinalada co letra E, con antecedente na número 33 e continuación na marcada coa F, posto que en realidade é unha secuencia da tráxica collida e morte do destro.
É moi probable que Goya, ademais de espectador frecuente de festexos taurinos e coñecedor do mundo dese espectáculo pola súa amizade con toureiros famosos, se inspirase, como afirma Lafuente Ferrari, en "Carta histórica sobre el origen y progreso de las corridas de toros en España", de Nicolás Fernández de Moratín, e na citada Tauromaquia, de Pepe-Hillo. O tema xa fora obxecto de atención de artistas, claro que moito menores que Goya, como o moi popular no seu tempo Antonio Carnicero, editado en 1790 e titulado AColección de las principales suertes de una corrida de toros".
O que si é certo é que Goya tivo numerosos imitadores ata os nosos días, algúns tan coñecidos como Roberto Domingo, González Marcos e Carlos Ruano Llopis.
A Tauromaquia de Goya, da Colección Caixavigo, rexistrada co nº de inventario 2002 foi editada en 1921 pola Calcografía Nacional. É un exemplar da 5ª edición de boa e apreciable calidade que nos permite valora-lo deseño e os matices de fondos e figuras. O conxunto constitúeno 40 estampas gravadas ó augaforte e augatinta, impresas sobre papel groso, de cor marelo, numerados do 1 ó 40. As sete últimas láminas levan ó carón do número unha letra en serie correlativa do A ó G. A estas 40 láminas hai que engadir tres follas explicativas que constitúen o que se chama o Catálogo descritivo, con explicacións das escenas gravadas e unha nota firmada por F. Esteve Botey; e outra lámina máis que é a portada co título da obra, o nome do autor, a entidade que a edita "Círculo de Belas Artes" o lugar e data de edición "Madrid MCMXXI" e un retrato de Goya gravado por A. Lobo, baseado no coñecido retrato do artista realizado por Vicente López que se atopa no Prado. Estas catro láminas están decoradas cunha orla de follas, froitas e nenos espidos gravada tamén por A. Lobo. Tódalas láminas do que constitúe o conxunto desta edición levan un selo en seco coa cabeza de Goya e a lenda "Tauromaquia" en relevo e preséntanse nun estoxo de tea atado con cintas. Das 40 obras, de formato apaisado e cunhas medidas parecidas ás de Os Proverbios, aproximadamente 24 x 35 cm., só están asinadas os números: 9; 10; 11; 14; 19; 28; 31; 35-B e 38-E. E levan a data "1815" os números 19 e 31.
En agosto de 1998, Caixavigo deu a coñecer publicamente esta serie, expoñendo cada un dos gravados, de forma individual, nunha exposición, no Centro Cultural, presentada polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela, José Manuel B. López Vázquez, que fixo un estudio sobre a serie, recollido nun libro publicado por Caixavigo, nesa mesma data, no que se reproducen tódalas láminas da colección, e no que tamén se publica un texto de Juan Carrete Parrondo.
Exposiciones
“Los grabados de Goya en la Colección Caixanova” Museo de Arte de Sao Paulo, Brasil. Do 18 de marzo ao 3 de xuño de 2007. “Goya gravurista na Coleçao Caixanova” Museo de Arte Río Grande do Sul. Porto Alegre, Brasil. Do 14 de xuño ao 5 de agosto de 2007. “Goya en la Colección Caixanova” Freedom Tower. Miami, EE.UU. Do 20 de setembro ao 9 de novembro de 2007.