Familia

- INV:
- 2367
- Año de creación:
- 1960 - 1970
- Dimensiones:
- 101 x 71 x 0
- Técnica:
- Mixta/cartón
Comentarios
Complétase a cronoloxía artística de Xaime Quessada na Colección Caixavigo con 26 obras, firmadas, realizadas entre 1960-70 pertencentes á Serie Negra, na que se mesturan experiencias vividas polo artista cunha homenaxe a Goya e a Picasso. O conxunto da serie é a súa resposta á guerra, ó fascismo, o holocausto, á tortura física e psíquica e á pena de morte. O compromiso artístico e o problema da liberdade e os dereitos humanos apóianse mutuamente. O realismo, as inflexións do debuxo, os arabescos, os planos xeométricos, a sensación de que utiliza papeis recortados, unido a experiencias máis recentes, conviven coa tensión que provocan o branco e o negro, os ocres e as salpicaduras do vermello que nos abruman de forma estremecedora.O clima co que nos atopamos ó longo da serie anúncianolo Quessada en “O Neno e a Besta” aludindo a unha mitoloxía mediterránea arraigada en Picasso e enraizada en Goya. Xaime empeza enfrontando a inocencia coa forza bruta. É a ameaza do que pode ocorrer, é a ameaza da guerra. Nas obras, as figuras sucédense coas cabezas levantadas, as gorxas prolongadas con bocas amargas, mirando cara ó ceo cos brazos alzados, sen vinganza, con bágoas que brotan dos ollos e saltan sobre as meixelas. “María Soliña”, a muller galega, introduce unha nota de serenidade e equilibrio, retratada sentada, en posición frontal, de corpo enteiro, con esa forma tan persoal que ten o artista de concibi-la figura con preferencia sobre o retrato naturalista.
Nada é confuso na súa pintura. Hai unha limpeza absoluta para cada forma. Non son anécdotas, nin historias, son escenas illadas que teñen lugar en sitios desolados, absorbidos pola escuridade. Un silencio negro, intenso e profundo, envólveo todo e fai pensar en alaridos terribles, “Madre Coraje” “Carabanchel” “Masacre patriótica” “Torturado”. As súas voces rompen o aparente repouso dos fondos do que o estatismo vulnera o movemento das figuras, que parecen escapar do cadro, coas mans encrespadas, as caras sacudidas, expresións patéticas e os pés que sobresaen do plano, “El Reo” “La Madre” “Réquiem en el Penal de Burgos”. E á vez unha cruel inmobilidade déixanos atónitos en “Auschwitz” “Linchado” “El Garrote II”.
A atmosfera tráxica acentúase coas escenas da tortura, o garrote vil e a cadeira eléctrica. Son imaxes que fan dano, que levan implícito o eloxio da liberdade. As figuras repítense pero o son das súas voces é sempre diferente.
Quessada absorbeu o clarouscuro desde Rembrand a Picasso pasando por Goya, realizando un desafío de brancos e negros de grande beleza e mestría. Nesta serie dános un perfil do seu sistema de valores en defensa dos dereitos humanos e a liberdade, cunha implícita exaltación da paz e da vida. A maioría destas obras estiveron expostas no Castelo de Vilamarín en 1997, onde nesta ocasión se publicou un catálogo coas obras reproducidas, editado pola Deputación de Ourense. Ó ano seguinte expuxéronse tódalas obras no Palacio Galveias de Lisboa nunha exposición organizada coa colaboración de Caixavigo, co gallo da Exposición Universal de Lisboa de 1998, publicándose tamén un catálogo, ese mesmo ano, no que se conmemoraba o cincuentenario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
Exposiciones
"Xaime Quessada". Centro Cultural Caixanova e Casa das Artes.Vigo. Do 24 de xaneiro ao 24 de febreiro de 2002.
"Quessada. Los Derechos Humanos. Testimonios" do 19 ao 23 de xuño do 2007 na Sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo.