Comentarios
Composición con pincelada solta e, asemade, respectuosa co rigor xeométrico, nun difícil equilibrio entre liberdade e orde.
A obra segue un esquema interno, metódico e coherente a pesar do aparente caos. A composición, a diferencia doutras obras nas que privilexia un centro, presenta dúas zonas de interese claramente diferenciadas. A sobriedade de negros e ocres, a estructura razoada, disciplinadamente construída da dereita, oponse e á vez enriquécese coa abstracción, as manchas xestuais e as veladuras dos vermellos e amarelos da esquerda.
É o neocubismo o soporte da peza, pero entendido dunha maneira persoal e particular polo autor, que persegue a fragmentación do espacio pictórico pero sen incluír referencias figurativas. Os planos superpostos, acadados pola interpretación do negro como unha cor da que extrae ricas calidades tonais, e o emprego de veladuras xeran unha gran profundidade e provocan un xogo de ritmos, formas e cores que potencian os valores poéticos da obra.