Bodegón

- INV:
- 2606
- Año de creación:
- 1989
- Dimensiones:
- 60 x 77 x 0
- Técnica:
- Óleo sobre táboa
Comentarios
A harmonía cromática é a verdadeira protagonista da obra onde a natureza morta se retrata cunha absoluta delicadeza e o tempo cunha visión case científica, explorando nas posibilidades dos obxectos, as súas calidades, o seus volumes, as súas texturas...O bodegón presenta seis recipientes de cerámica de diferentes tamaños e grosores, algún deles con detalles decorativos. Os cacharros sitúanse sobre unha mesa cuberta cun mantel disposto artificiosamente, cuns pregos que permiten realizar un estudio de luces e sombras.
As tonalidades móvense en torno ó marrón claro, terras e grises, e con eles realiza toda a composición - exceptuando os motivos en azul e vermello que decoran algunhas pezas-. Neste senso, é interesante a presentación do fondo, case neutro e invisible xa que incide nos mesmos tons, tendendo toda a tea cara á monocromía. Esto indica que a peza pertence á súa última etapa creativa, na que os fondos se aclaran e amosa o interese por unha luz máis suave e esvaída, que dulcifica os espacios. A pincelada liviá, imperceptible, aumenta a sensación de obra aveludada, describindo a dirección da luz que penetra pola esquerda.
No seu preciosismo, o autor é capaz de captar a natureza porosa do barro, o volume redondeado dos obxectos, o aspecto mate, sen brillo, da superficie sen vernizar e, incluso, mediante toques impresionistas debuxa os motivos que decoran os cacharros ou define as flores, case transparentes, que deixan respirar o fondo.
Observando o resultado do bodegón compréndese o milagre do autor, ó extraer, duns obxectos simples e cotiáns, dun momento perecedoiro, unha obra elegante e poética.