PARÍS

- INV:
- 2623
- Año de creación:
- 1952 - 1953
- Dimensiones:
- 55 x 41 x 0
- Técnica:
- Rotulador sobre papel
Comentarios
Coa súa chegada a París, despois de acadar a bolsa de estudios da Deputación de Pontevedra no ano 1952, Rafael Alonso comeza a vivir e a absorber a cidade recollendo as súas impresións en cadernos de debuxo onde describe, cun trazo rápido e certeiro, edificios, monumentos, paisaxes e xentes, que seguirán sendo o seu centro de interese cando retome os seus estudios en xuño de 1953, mes no que regresa á cidade do Sena tras unha estancia en Pontevedra.A igrexa de Saint-Germain des Prés será un dos seus motivos favoritos e retratará este edificio en varias ocasións ensaiando ángulos e perspectivas distintas. O monumento sitúase no cosmopolita Boulevard de Saint-Germain, un lugar de encanto e de encontro para escritores, artistas e turistas.
Os debuxos están realizados cos primeiros rotuladores que o autor descubriu en Francia, coñecidos co nome de Lapis de feltro e que utilizou prodigamente porque lle permitían traballar con rapidez e introducir variacións cromáticas e lumínicas.
No debuxo, identificado co número 1, o trazo é rápido e certeiro, captando a estructura do inmoble. É un deseño sobrio, cunha maior presencia da xeometría, que define, mediante o emprego de diferentes trazos, raias, cadrados, liñas verticais e horizontais, os diferentes volumes e texturas do monumento. A mancha e o baleiro marcan a sensación de luz e de sombra.
Practicamente emprega o mesmo encadre no apuntamento número 38 pero o trazo adquire un carácter máis nervioso, as liñas son menos nítidas centrando o seu interese, non tanto na definición dos perfís e a estructura coma nas sensacións lumínicas, na atmosfera que envolve o edificio. No debuxo, que se torna máis abosquexado e rápido, capta as luces, emprega todo tipo de recursos gráficos para representar un edificio vivo, que se altera cos cambios de luz, evidente na maior presencia dos negros, que conseguen crear efectos cromáticos.
No bosquexo número 39, cunha evidente influencia de Dufy, a evolución é maior. O edificio deixou de ser o motivo principal e comparte protagonismo coa atmosfera e a vexetación, tal e como se intuía no exercicio número 38. O trazo é moito máis solto recordando incluso os trazos da caligrafía chinesa. As liñas rectas, os puntos, os xogos de negros e brancos combínanse con trazos máis libres e desordenados que captan a vexetación, describen o movemento do aire, o balanceo das follas das árbores, o pasear das xentes. O ambiente do Boulevard de Saint-Germain é o tema, os seus olores, as súas risas, a súa cor, a súa esencia.