TOUR SAINT-JACQUES

- INV:
- 2635
- Año de creación:
- 1953
- Dimensiones:
- 42 x 32 x 0
- Técnica:
-
Tinta sobre papel
Comentarios
A torre de Sant-Jacques, situada na praza du Châtelet, e o campanario-reloxo da desaparecida igrexa de Sant-Jacques de la Boucherie. Só se conserva a torre, de estilo gótico flamíxero, que destaca pola súa verticalidade, o que lle confire á construcción un aspecto aéreo e poético que chegou a converterse nun referente para os surrealistas.As diferencias son evidentes entre os dous debuxos. O trazo principal é que en ambos o edificio cedeu protagonismo ós efectos ambientais, co que o autor consegue fuxir da impresión de típica postal turística.
No exercicio número corenta, a torre case non existe. Suxírese a posibilidade de que sexa un edificio de cristal, transparente. O trazo fino, delicado, delimita os perfís sen chegar a remarcalos. A forza da composición céntrase nas árbores que preceden o edificio e o semiocultan á mirada. As pólas son densas, de follaxe espesa e abundante, o xesto agresivo, o que xera que o peso da composición se limite á zona inferior do debuxo e contraste co ceo branco e nítido que realza a fráxil silueta da torre.
O debuxo número corenta e seis presenta un desenvolvemento rápido e intenso que incide na liña impresionista do autor buscando as sensacións atmosféricas e relegando o edificio a unha simple escusa.
A composición, que está saturada, ocupa practicamente toda a superficie do papel. A torre adquire máis presencia ca no número corenta e define con máis forza a súa estructura, pero esta queda oculta polos trazos que describen o contorno, polos diferentes xogos de liñas, puntos, raiaduras, que imitan o vibrar da natureza e o pasar do tempo.