ORTU Nº 2

- INV:
- 2697
- Año de creación:
- 1999
- Dimensiones:
- 44 x 78 x 0
- Técnica:
- Acrílico sobre madeira
Comentarios
A idea de crebacabezas, de imaxe elaborada, composta a partir de fragmentos, conséguese recorrendo á técnica da montaxe, manipulando o soporte de madeira para obter un volume real.As pranchas, diferentes, irregulares, algunhas incluso esporteladas, vanse superpoñendo coma nunha colaxe para proxecta-la visión dunha rúa ascendente, dun recuncho urbano con sabor a pasado que se intúe na silueta do coche azul, nas fachadas coloristas e decadentes.
O sentido lineal, a limpeza e a xeometría do debuxo combínanse co cromatismo esvaecido, case plano e a pincelada discreta xerando unha sensación de irrealidade, de fición. As pezas en branco, aparentemente sen funcionalidade, son claves para suxeri-la luminosidade atmosférica imprimindo sombras no asfalto, guiando a mirada cara á calexa e incidindo no efecto de profundidade.
A percepción obxectiva da realidade disólvese, transfórmase en ambiente en, como sinala Varela Miñones, “chisco metafísico redobrado pola ausencia de figuras humanas e pola inmobilidade case pétrea dos obxectos representados”. A proposta convértese, polo tanto, nun territorio de evocacións, de escenarios diversos e fotografías revoltas que só cobran sentido ó tentar reconstruír unha paisaxe determinada, un lugar no mundo.