SAN MARTIN PARTIENDO SU CAPA

- INV:
- 2704
- Año de creación:
- 1957
- Dimensiones:
- 314 x 212 x 0
- Técnica:
- Pintura mural
Comentarios
Trala compra e rehabilitación da casa dos Junquera, obra do arquitecto Daniel Vázquez-Gulias situada na avenida de Pontevedra da capital ourensá, o director naqueles momentos da antiga Caixaourense, don Ricardo Martín Esperanza, decide realizarlle o encargo dunha pintura mural ó artista Carlos Pascual de Lara coa idea de decora-lo vestíbulo da que será a nova oficina principal sita no citado edificio modernista. A elección do pintor debeuse, ademais de a súa innegable calidade como muralista, ós vínculos afectivos que o artista mantiña coa cidade das Burgas.Pascual de Lara é un autor pertencente á Escola de Vallecas e relacionado con artistas como Benjamín Palencia, Álvaro Delgado, Gregorio del Olmo e Francisco San José. As súas obras, en opinión de Valeriano Bozal, “gardan algo do clasicismo do Palencia anterior á Guerra Civil, quizais acentuado pola estanza de Carlos Pascual de Lara en Italia”. A experiencia italiana será fundamental na poética do artista que reafirmaba o maxisterio de Máximo Campigli aínda que sen omiti-la influencia de Henry Moore, que se imporá dende 1950 ata a súa morte.
Na súa produción artística destaca, coma neste caso, a pintura parietal centrada nunha temática relixiosa. O primeiro mural executado en Ourense foi, naturalmente, o cenital destinado a vestíbulo da sucursal. A segunda obra, na actual sala de exposicións, é o resultado dun regalo que o artista lle outorgou á entidade e en orixe, tiña a función de ennobrece-la sala do consello. Ámbolos dous murais foron realizados un ano antes do seu falecemento en 1958. A importancia deste dato xustifícase se temos en conta que o artista morreu con 36 anos, o que converte a estas composicións en valiosas mostras da súa última produción, testemuña da evolución dun artista, do paso dunha obra de xuventude a unha creación máis consolidada.
O mural cenital, presidido pola figura do anxo de amplas ás amosando un feixe de espigas supón a exaltación do trigo. É innegable a profundidade semántica e relixiosa do tema, o vencellamento do cereal co esencial da existencia, coa figura de Cristo. As espigas simbolizan a abundancia, o pan, o alimento básico para a manutención e a certeza da vida. Como don divino, forma parte da natureza e, ó igual que o Creador, morre para renacer.
Plasticamente, a composición desenvólvese a partir do anxo como figura central. Ó seu arredor represéntase o ciclo completo de cultivo a través de diversas escenas que se van sucedendo dun xeito circular: o preparado da terra, a sementeira, a colleita... destacando a imaxe da nai co neno, alegoría da vida que empeza e se renova.
O traballo do campo interprétase coma unha festa, un mundo rural ideal, cheo de beleza. É unha paisaxe humanizada, ordenada, xeométrica onde o cromatismo de azuis e vermellos cede ante o predominio do amarelo, da cor do sol, do froito dourado. As figuras parecen construídas, articuladas en planos que se van ensamblando para adquirir un aspecto sólido e monumental.
O mural da sala de exposicións recolle o momento crucial de san Martín cortando a súa capa. A figura e obra deste santo espertaron gran devoción e ocupan un lugar destacado na cidade de Ourense que lle dedica a advocación da súa catedral.
No momento de parti-la súa capa, san Martín represéntase vestido de lexionario e subido ó cabalo branco. O mendigo é un débil ancián que se apoia nun bastón, o que enxalza a boa acción do santo. O seu corpo espido queda cuberto co manto vermello que o protexerá da intemperie.
A escena, pensada nun desenvolvemento vertical, decántase por un colorido sobrio de azuis e grises que conseguen realza-lo vermellón da capa. A evidente planimetría dos campesiños do mural cenital rexéitase a favor dun maior equilibrio entre debuxo e pincelada, entre xeometría e xesto acadando unha obra solta, rica en matices e de evidente carga emotiva.