SAN TELMO

- INV:
- 4343
- Año de creación:
- 1948
- Dimensiones:
- 41 x 70 x 0
- Técnica:
- ÓLEO SOBRE CONTRACHAPADO
Comentarios
Seguindo coa súa traxectoria de pinturas fantásticas ligadas ao mundo mariño, neste caso Urbano Lugrís preséntanos unha obra que non escapa das súas características habituais e que inclúe unha temática relixiosa como protagonista. Este tema tamén será recorrente en moitas das obras deste artista, encontrarémonos en numerosas ocasións con representacións de santos e virxes, pero sempre que estes teñan algún tipo de enlace co mar, como nesta ocasión.
Estamos ante unha obra que mestura a modernidade característica de Lugrís, de pinturas fantásticas de concepción surrealista, coa tradición medieval de representacións haxiográficas, dada, sobre todo, pola disposición de escenas nun políptico de madeira. A combinación tonal de azuis domina na composición, e destaca a característica planitude de cores que adoitaba aplicar este artista, influencia do cartelismo, e a marcada teatralidade de escenas, froito do seu traballo como deseñador de decorados para La Barraca na década dos 30, onde coñece a Lorca e Alberti viaxando por España coas Misións Pedagógicas.
No panel central temos a imaxe de San Telmo, patrón de pescadores e mariñeiros, relixioso do século XIII que se dedicou á evanxelización en Tui e organizou a este sector en asociacións para que defendesen os seus dereitos, precursor das actuais confrarías e gremios de mareantes. Lugrís represéntao baixo o mar, nun curioso altar rodeado de cunchas e elementos náuticos, cos seus atributos habituais: o hábito dominico, un barco na súa man esquerda (patrón de mariñeiros) e un cirio acendido na dereita, que fai referencia aos fogos de San Telmo e á calma de tempestades, un dos milagres atribuídos ao santo, dos cales encontramos referencia nos paneis laterais, posto que o artista nos mostra nestas pinturas máis pequenas unha serie de milagres representados a modo de lendas, onde podemos ver o santo en varias ocasións suspendido no aire, calmando tempestades no mar e salvando os barcos destas inclemencias meteorolóxicas e mesmo de monstros mariños. Tamén o encontramos bendicindo os afogados en naufraxios e unha representación dos fogos de San Telmo, unha lenda mariña que contaba que ardían os mastros dos barcos en plena noite, pero que ten unha explicación científica posto que se produce unha combustión das puntas dos paus a baixa temperatura por causa dunha tormenta eléctrica, o que crea un resplandor azulado que desde sempre impresionou os mariñeiros.