Comentarios
En primeiro termo aparece un tramo do río que cruza a parte inferior da composición, onde sobresaen pedras, peixes e un triángulo. Na outra beira atópanse o busto dun home coa cabeza coroada por unha póla de loureiro, lendo un libro ó lado dunha cunca; acolá, debaixo das árbores, hai unhas mulleres e uns nenos espidos, un gaiteiro, e, no aire, pombas e musas. Son evocacións e presencias, fragmentos de vida nunha paisaxe cun fondo no que se perde a mirada, esperando o crepúsculo. O debuxo, con expresivos e fluídos trazos, vese realzado polo riscado de sombras con grande pictoricismo.