Comentarios
A sensualidade e o erotismo están sempre presentes na obra deste autor que ama profundamente o material e o traballo, que coñece como respira a pedra, a madeira, das que extrae historias, alentos e segredos ocultos.
A figura dunha muller contorsionada, disposta nunha postura atlética, camiña cara á abstracción pero sen perder a forma, ofrecendo unha fantástica lección de anatomía. A sensualidade da peza é evidente na rotundidade do sexo e dos peitos que se destacan, desafiando as leis da gravidade.
A sabedoría do autor para manipular o material consegue insuflarlle vida á obra, a madeira transmútase, perde as súas calidades para converterse nun corpo voluptuoso, de pel bronceada, con tacto suave e agradable. A superficie lisa da figura é o espacio perfecto para provocar contrastes de luces e sombras, cunha luz que se desliza describindo as posibilidades lumínicas xeradas tras a combinación de oquedade e materia.
A influencia de Henry Moore percíbese na obra a través do peso da abstracción orgánica, do xogo de curvas e contracurvas e a valoración plástica do baleiro, que delata o desexo de transformar o corpo en materia e a materia en carne.
EXPOSICIÓNS:
"Manuel Coia". Maio/xuño de 2001. Centro Cultural Caixanova, Vigo.
REPRODUCCIÓNS:
"Manuel Coia. 40 grandes artistas gallegos". Centro Cultural Caixanova. Vigo, 2001, páx. 57.