
Afundación programa en Pontevedra 6 monólogos e obras teatrais, dous ballets, un musical, e concertos da OSG e Ara Malikian
Pablo Meixe, David Suárez, Touriñán e Carlos Blanco. Catro dos actores e cómicos galegos máis destacados protagonizarán os tres espectáculos cos que a Sede de Afundación en Pontevedra inaugura a súa tempada 2025. A Obra Social de ABANCA programa 11 espectáculos en Pontevedra nos dous primeiros meses do ano. Dous ballets, un musical, concertos da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) e Ara Malikian, e 6 monólogos e espectáculos teatrais completan a proposta cultural de Afundación en Pontevedra nas vindeiras semanas. As entradas están dispoñibles en Ataquilla.com.
O ano comezará con humor no Auditorio da Sede de Afundación na cidade. Entre os días 3 e 9 de xaneiro, poderán verse os espectáculos de Meixe, Suárez, Touriñán e Carlos Blanco. Meixeverso, o monólogo do cómico Pablo Meixe, está programado para o venres 3 de xaneiro. Unha semana despois, o día 10, o humorista compostelán David Suárez proporalle ao público unha viaxe aos seus pensamentos máis escuros en Humor blanco.
Os días 11 e 12, e en catro funcións, Carlos Blanco e Touriñán presentan Somos criminais e punto final. No espectáculo interpretan aos encargados de salvar o patrimonio humano, material e inmaterial máis prezado de Galicia xusto cando vai chegar a fin do mundo. Deben evacuar ao espazo exterior unha especie de Arca de Noé galega. Haberá 4 funcións, dúas cada día.
Ballet e música
Coa terceira semana de xaneiro comeza a programación de ballet e música. O 15 de xaneiro, o Ballet Clásico Internacional subirá ao escenario para volver interpretar o clásico O lago dos cisnes. A celebrada peza de danza, que cada ano, nos meses de inverno pode verse en boa parte das cidades máis importantes de Occidente, poderá volver ser desfrutada nunha versión diferente en febreiro: será o día 20 e con interpretación a cargo do Ballet Clásico de Cuba.
O primeiro concerto de música clásica do ano promovido pola Obra Social de ABANCA en Pontevedra impartirao a OSG o 16 de xaneiro. Na sesión musical, organizada en colaboración coa Sociedad Filarmónica de Pontevedra, poderanse escoitar pezas de Farrenc, Liebermann y Schumann. Joan Ibáñez acompañará como solista á Sinfónica de Galicia, que dirixirá o alemán Markus Stenz.
A outra gran cita coa música programada en Pontevedra no inicio do ano é o concerto Intruso, de Ara Malikian. Celebrarase o día 9 de febreiro en dobre sesión: ás 17 e ás 20 horas.
Kinky Boots, o musical, e máis teatro
170 trocos de vestiario ou 70 pares de botas diferentes usados durante o espectáculo. Son algúns dos números de Kinky Boots, o musical que chega ao Auditorio da Sede de Afundación en Pontevedra os días 7 e 8 de febreiro.
Kinky Boots conta a historia de Charlie Price, a quen lle cambia a vida cando, trala repentina morte do seu pai, debe liderar o negocio familiar: unha fábrica de zapatos. Price descubrirá nas botas de tacón vermello para homes a solución aos problemas da compañía.
O musical forma parte dunha programación, a de artes escénicas, á que se lle suman nos dous primeiros meses do ano o humorista Vaquero -24 de xaneiro-, e o dúo cómico Faemino y Cansado, que o 2 de febreiro presentan na Sede de Afundación en Pontevedra 17 veces reloaded.
O 21 de febreiro inaugúrase a Tempada de Abonos de teatro da Obra Social de ABANCA en Pontevedra coa obra A raíña da beleza de Leenane, un texto estreado en 1966, asinado polo escritor angloirlandés Martin McDonagh, e que trata sobre a soidade e as relacións familiares nas zonas máis desfavorecidas e despoboadas do mundo. As actrices María Galiana e Lucía Quintana estarán á fronte do elenco do espectáculo, que dirixe Juan Echanove. A obra conta a historia de Maureen, unha muller de corenta anos apegada á súa nai dunha maneira enfermiza e sinistra.
A Tempada de Abonos de teatro de Afundación en Pontevedra forma parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Os asistentes ás obras teatrais poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos contedores dispostos para tal fin na Sede de Afundación en Pontevedra. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión da Boa Vila e a súa área de influencia.
Imaxes dalgúns dos espectáculos, nesta ligazón