
AGEF e Afundación presentan a quinta edición de «Empresa familiar nas aulas»
A Asociación Galega de Empresas Familiares (AGEF) e Afundación dan inicio á quinta edición de «Empresa familiar nas aulas», que se inaugura hoxe coa charla do xerente de Cafés Candelas, Ramón Alonso, no IES Xoán Montes de Lugo. Está previsto, ademias, que as e os estudantes deste centro realicen unha visita guiada o próximo 14 de xaneiro ás instalacións de Cafés Candelas no Polígono Industrial de O Ceao de Lugo.
As imaxes están dispoñibles aquí.
Máis de mil alumnos de 21 institutos e 22 empresas familiares
A iniciativa «Empresa familiar nas aulas» persegue inspirar vocacións emprendedoras e novos horizontes laborais entre os estudantes mediante a realización de actividades, charlas, visitas a empresas e coa convocatoria do concurso «Emprender é soñar, apúntaste?». Nesta quinta edición participarán máis de mil estudantes de ESO, bacharelato e FP de 21 centros educativos das catro provincias galegas, que se unirán ás 2763 alumnas e alumnos de 32 institutos que formaron parte desta experiencia desde a súa posta en marcha en 2021.
Así mesmo, directivos de 22 das empresas familiares máis destacadas de Galicia (Aceites Abril, Altia, Aluminios Cortizo, Babé y Cia, Cafés Candelas, Congalsa, Espina y Delfín, Galuresa, Grupo Aresa, Grupo Freire, Grupo Lence, Grupo Nogar, Grupo Pérez Rumbao, Grupo Revi, Grupo Zendal, Inasus, Jealsa, Lodiel, Nauterra, Nortempo, Torre de Nuñez, Severiano Servicio Móvil e Terras Gauda) serán os encargados de sensibilizar a poboación escolar sobre a importancia das empresas familiares e de promover os seus valores e o emprendemento.
«En AGEF sentímonos moi orgullosos do programa Empresa Familiar nas Aulas, que nos permite seguir mostrando a realidade das empresas familiares galegas aos estudantes. O noso obxectivo é enriquecer a súa formación para crear futuros talentos e inspirar novas vocacións profesionais baseadas no emprendemento», sinalou José Bernardo Silveira, presidente de AGEF.
Pedro Otero, director xerente de Afundación, subliñou o valor dun programa que «se integra nas accións educativas de Afundación, orientadas a facilitar un achegamento ao ámbito empresarial desde idades temperás. Deste xeito, foméntase unha comprensión máis profunda da contorna laboral que atoparán no futuro e enriquécese a súa aprendizaxe sobre a realidade empresarial».
Sobre AGEF
A Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) é a principal asociación de empresas con raíces, sede social e vocación de permanencia en Galicia, integrada na actualidade por 62 compañías. O seu propósito é promover o desenvolvemento e crecemento das empresas familiares na nosa comunidade, defendendo os seus dereitos e intereses e apoiando iniciativas que as fagan máis competitivas, co obxecto de favorecer o incremento da prosperidade e calidade de vida de Galicia.