
Alberto Olmos Serrano gaña a XLV edición do Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba
Alberto Olmos Serrano incorpórase desde hoxe á relación de xornalistas e profesionais das letras que, desde 1980, mereceron o Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba, un certame concibido para distinguir a calidade dos artigos literarios e de opinión publicados en cabeceiras recoñecidas en lingua castelá. O premio está dotado con 10 000 euros e unha figura do xornalista Julio Camba inspirada nunha caricatura de Siro López. Esta é a edición máis concorrida da historia con máis de 241 candidaturas de 18 países, o que implica un incremento de participación dun 80 % con respecto ao ano pasado, e que consolida a vocación internacional do premio, que conta entre a súa nómina de sinaturas premiadas coas grandes rúbricas da prensa española.
O galardón entregouse na Casa de América en Madrid no transcurso dunha gala retransmitida en directo a través de Afundación TV que contou con representantes dos principais colectivos de xornalistas da cidade e de España, anteriores premiados e premiadas, escritores e informadores de recoñecido prestixio españois e latinoamericanos, e profesionais da cultura e da universidade.
O xurado do XLV Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba, cuxo ditame deu a coñecer o presidente da Obra Social ABANCA, Miguel Ángel Escotet, destacou de «Madrid se viene abajo: vivir en el cuarto de las fregonas» a súa «vixencia e pertinencia temáticas que, cun estilo de moi alta calidade literaria, sabe atopar o ton humorístico que ofrece o contrapunto a unha cuestión social de plena actualidade». Como finalistas figuran Natalia Junquera Añón (A Coruña), polo seu artigo en El País titulado «Eternamente jóvenes»; e Eileen Truax (Cidade de México), polo escrito «Define blanco. Define negro. Define latino», publicado en Revista 5W.
Nesta edición, o xurado estivo presidido polo escritor e académico da RAE José María Merino e o seu secretario foi o director de Comunicación de ABANCA, Isaac González Toribio. Actuaron como vogais a xornalista e escritora Cristina Sánchez Andrade, o director da Fundación Gabo, Jaime Abello Banfi, a escritora e veterinaria María Sánchez, gañadora do certame en 2024, e o tamén escritor e xornalista Ramón Pernas. Tras a súa decisión, acordada por maioría, o xurado quixo facer fincapé na extraordinaria valía de todos os textos concorrentes.
O presidente de ABANCA e patrón de Afundación, Juan Carlos Escotet Rodríguez, afirmou durante a súa intervención que «este galardón é un digno esforzo para revisitar a inmensa valía de Camba e, asemade, honrar o bo facer do xornalismo literario e de opinión». Ademais, reivindicou que «a vixencia de Camba medrou» co paso do tempo, como o demostra «a notable traxectoria deste premio, os numerosos títulos e sucesivas edicións, a rapidez con que o seu nome se invoca cando chega o momento ―que sempre chega― de falar dos grandes xornalistas en lingua española, do século XX».
Corenta e cinco anos de grandes nomes
Alberto Olmos Serrano incorpórase unha relación de premiadas e premiados da que tamén forman parte Luciano del Río Besada, Carlos García Bayón, Alfredo Conde, Bernardo Víctor Carande, Antonio Odriozola, Raimundo García Fernández, Adolfo Prego, José Montero Alonso, Rafael Landín Carrasco, Julio Sierra, Xesús Ferro Ruibal, Arturo Lezcano Fernández, Santiago Castelo, Torcuato Luca de Tena, Carlos Casares, Miguel Ángel Cuadrado, Juan Manuel de Prada Blanco, Diego Bernal López, Alfonso Eire López, César Casal González, Miguel Suárez Abel, Manuel Rivas Barros, Manuel Jabois Sueiro, Marino Gómez Santos, Eugenio Fonte, Fernando Savater, Felipe Benítez Reyes, Andrés Trapiello, Pedro Ugarte Tamayo, Ángela Vallvey Arévalo, Ramón Pernas López, José Manuel Otero Lastres, Ángeles Caso, Luis Ventoso, Ignacio Camacho, Ramón Loureiro Calvo, Miguel Anxo Murado, Ricardo Fernández Colmenero, Cristina Sánchez Andrade, Luis Pousa, Bibiana Candia, Manuel de Lorenzo Paradela e María Sánchez, gañadora da pasada edición.
Galería de imaxes da entrega de premios aquí