
En «Educación Século XXI» de Afundación, unha charla sobre ferramentas para unha boa elección da formación universitaria
O investigador, divulgador e experto en E-Learning, Educación, TICs e Intelixencia Artificial Juan Domingo Farnós será o encargado de inaugurar a programación do ciclo «Educación Século XXI» deste ano 2025 cunha conferencia na que dotará de coñecementos a estudantes e familias para facer unha boa elección da súa formación universitaria, tendo en conta as novas posibilidades e influencias de tecnoloxías como a intelixencia artificial. Ofrecerá a charla «O empoderamento da aprendizaxe na nova educación» no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela o mércores 22 de xaneiro, pola mañá ás 11.00 h para público escolar e pola tarde, ás 19.00 h, para público xeral. O acceso é gratuíto pero é necesario reservar praza na web Ataquilla.com.
Os futuros estudantes universitarios necesitan empoderarse e coñecer o abanico de posibilidades que se abren, as novas ferramentas tecnolóxicas que van necesitar no seu catálogo de competencias e habilidades, especialmente todo o referido á Intelixencia Artificial, a cal vai determinar o futuro de polo menos tres cuartas partes da súa aprendizaxe e relación posterior co mundo laboral. É por iso que, tanto no momento de elixir como de desenvolver un camiño académico, estes condicionamentos non se deberían obviar.
JUAN DOMINGO FARNÓS
Juan Domingo Farnós é investigador, comunicador e divulgador de learning and technologies, e-learning mobile learning, educación, TIC, intelixencia artificial, evanxelizador da web 2.0 e considerado como unha das 10 persoas máis influentes do mundo en learning and technology. Foi proposto pola UNESCO como doutor honoris causa pola súa contribución en todo o mundo de maneira desinteresada e pola súa axuda xenerosa en temas de educación, tecnoloxías etc.
Traballou como docente con alumnado con necesidades educativas especiais cos que puido aplicar as Tecnoloxías da Información e a Comunicación e aspectos personalizados e de excelencia da Escola Inclusiva, sendo o primeiro docente en España que aplicou a Educación Inclusiva-TIC.
Foi o introductor do E-learning-Inclusivo, un E-learning que actualmente está a recibir a denominación de E-learning-Inclusivo, froito das súas investigacións e publicado internacionalmente en 2004. A Universidade de Cambridge utilízao desde entón e o Reino Unido cambiou a súa lexislación para levalo a cabo. Trátase dun sistema moito máis participativo, aberto e baseado no estudantado.
Conta cun blog de investigación e divulgación científica con máis de 38.000.000 de visitas de todo o mundo, ademais de publicar numerosos libros de investigación e ser recoñecido nas edicións periódicas máis destacadas internacionalmente. Diversas institucións e administracións públicas de orde mundial recoñeceron o traballo de Farnós: participou en diferentes eventos e congresos da ONU, en diversos proxectos e programas da UE, coma o proxecto europeo Open Education Europa, onde traballou no deseño e implementación de políticas educativas abertas e accesibles, ademais da UNESCO, a Comisión Europea, Ministerios de Educación de España, Arxentina ou México e fundacións ou organizacións non gobernamentais.
A Obra Social de ABANCA impulsa o ciclo «Educación Século XXI» para dar a coñecer a toda a comunidade escolar as últimas tendencias, estudos e teorías sobre educación. Comezou a desenvolverse en 2016 e xa é un referente de encontro para todos os membros da comunidade educativa.
As actividades do ciclo «Educación século XXI» son de acceso gratuíto e forman parte do programa «Cultura por alimentos», desenvolvido por Afundación e a Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Na Sede de Afundación están dispoñibles contedores onde o público asistente pode depositar produtos non perecedoiros a modo de entrada solidaria.