
O xoves 16 de xaneiro decidirase a edición máis concorrida do Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba
O xoves, 16 de xaneiro, resolverase na Casa de América de Madrid o XLV Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba, que recaera en un de entre os tres nomes seleccionados como finalistas desta edición: Natalia Junquera Añón (A Coruña), polo seu artigo en El País titulado «Eternamente jóvenes»; Alberto Olmos Serrano (Segovia), polo texto publicado en El Confidencial e titulado «Madrid se viene abajo: vivir en el cuarto de las fregonas»; e Eileen Truax (Cidade de México), polo escrito «Define blanco. Define negro. Define latino», publicado en Revista 5W.
Esta é a edición máis concorrida da historia con máis de 241 candidaturas de 18 países, o que implica un incremento de participación dun 80 % con respecto ao ano pasado, e que consolida a vocación internacional do premio, que conta entre a súa nómina de sinaturas premiadas coas grandes rúbricas da prensa española.
Dotación de 10 000 euros
O galardón é, pola súa dotación e traxectoria, un dos principais de entre os dedicados á promoción da opinión e do xornalismo literario escrito en castelán. Convócase desde 1980 e o seu primeiro presidente do xurado foi, durante vinte anos, o escritor Gonzalo Torrente Ballester. Sucederíao, durante dúas décadas, o novelista e articulista Alfredo Conde. Este ano, o presidente do xurado é José María Merino.
O gañador recibirá un premio de 10 000 euros e o busto de Julio Camba deseñado polo artista galego Siro e que se entrega por terceiro ano consecutivo.
Cerimonia literaria
O galardón será entregado nun acto literario cun xantar posterior que se celebrará en Madrid, na Casa de América. Entre as persoas que xa confirmaron a súa asistencia hai unha destacada representación do xornalismo, do sector dos medios de comunicación e da literatura española. Tamén confirmaron a súa presenza correspondentes en España dos medios de comunicación de Europa e Latinoamérica.
A Fundación Gabo, na honra de Gabriel García Márquez, con sede en Cartaxena de Indias (Colombia), que colabora co premio, estará representada polo seu director xeral, Jaime Abello Banfi, membro do xurado desde o pasado ano. Nesta edición do premio, ademais de Merino e Abello Banfi, forman parte do xurado a xornalista Cristina Sánchez Andrade, a divulgadora científica e gañadora da anterior edición do certame, María Sánchez; e o escritor e xornalista Ramón Pernas. Actúa como secretario o director de Comunicación de ABANCA, Isaac González Toribio.
A persoa escollida na XLV edición do Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba sumarase á ampla lista de galardoados desde 1980: Gonzalo Fernández de la Mora, Luciano del Río Besada, Carlos García Bayón, Alfredo Conde, Bernardo Víctor Carande, Antonio Odriozola, Raimundo García Fernández, Adolfo Prego, José Montero Alonso, Rafael Landín Carrasco, Julio Sierra, Xesús Ferro Ruibal, Arturo Lezcano Fernández, Santiago Castelo, Torcuato Luca de Tena, Carlos Casares, Miguel Ángel Cuadrado, Juan Manuel de Prada Blanco, Diego Bernal López, Alfonso Eire López, César Casal González, Miguel Suárez Abel, Manuel Rivas Barros, Manuel Jabois Sueiro, Marino Gómez Santos, Eugenio Fuente, Fernando Savater, Felipe Benítez Reyes, Andrés Trapiello, Pedro Ugarte Tamayo, Ángela Vallvey Arévalo, Ramón Pernas López, José Manuel Otero Lastres, Ángeles Caso, Luis Ventoso, Ignacio Camacho, Ramón Loureiro Calvo, Miguel Anxo Murado, Ricardo Fernández Colmenero, Cristina Sánchez Andrade, Luis Pousa, Bibiana Candia, Manuel de Lorenzo Paradela e María Sánchez, gañadora da pasada edición.