
O Teatro Afundación inaugura con maxia, humor e o Concerto de Reis da RFG a súa programación de xaneiro
Maxia e humor para todos os públicos. Esa é a proposta do Teatro Afundación para comezar o ano. O ilusionista Jorge Blass presenta o espectáculo Ilusionarte o próximo 3 de xaneiro en dúas funcións coas que dá inicio a programación de espectáculos da Obra Social de ABANCA en Vigo para 2025. Un día despois, será a quenda doutro dos favoritos do público vigués: o cómico Pablo Meixe volve á cidade con Meixeverso. A programación do Teatro Afundación en xaneiro está composta por un total de 13 espectáculos que poderán verse en 19 funcións. Seis delas corresponden a Chicago. El musical, que chega á cidade do 17 ao 19 de xaneiro. As entradas están á venda en Ataquilla.com.
Clásicos de comezo de ano
A programación inclúe na súa primeira etapa algúns dos espectáculos clásicos de inicio do ano, como o Concerto de Reis, o Concerto de Aninovo ou a posta en escena do ballet O lago dos cisnes.
O Concerto de Reis correrá a cargo da Real Filharmonía de Galicia. Será o 9 de xaneiro. Xunto á formación musical compostelá participa, como narrador, o actor Tamar Novas.
Un día despois, subirase ao escenario do Teatro Afundación a Philharmonic Ensemble, un conxunto composto exclusivamente por estrelas da Orquestra Filharmónica de Viena e que presenta en Vigo o famoso Concerto de Aninovo que acolle cada ano a capital austríaca. Xa o 14 de xaneiro, o Ballet Clásico Internacional subirase ao teatro da Obra Social de ABANCA para interpretar a xoia da danza clásica internacional O lago dos cisnes.
Humor e artes escénicas
Entre ambos os espectáculos, o público poderá rir co cómico Sergio Bezos sobre as táboas. O colaborador de programas de televisión como «La Revuelta» presenta Sergio Bezos ha llegado a tu ciudad, o seu primeiro proxecto de stand up comedy, no que expón unha mestura de improvisación e reflexión cargada de humor.
Sucederanlle, en materia de propostas escénicas, as dúas primeiras obras da Tempada de Abonos do Teatro Afundación. O 23 de xaneiro será a quenda de La colección, con texto e dirección de Juan Mayorga, e con José Sancristán e Ana Marzoa á fronte do elenco. Sete días despois, o público poderá gozar de La gramática, con texto e dirección de Ernesto Caballero, outra das grandes figuras do teatro español nas últimas décadas. María Adánez e José Troncoso protagonizan o espectáculo.
De Chicago a Iván Ferreiro
As cinco funcións de Chicago. El musical, e o concerto co que Iván Ferreiro despide en España a xira de presentación do seu disco Trinchera Pop chegarán ao Teatro Afundación a partir da terceira semana do mes.
Chicago. El musical é a adaptación española dun dos grandes clásicos dos teatros de Broadway, en Nova York. Chega ao Teatro Afundación de Vigo entre os días 17 e 19 de xaneiro cun elenco composto por 24 persoas. Poderá verse calquera dos tres días en sesión vespertina e en sesión nocturna.
Será unha semana antes do concerto de Iván Ferreiro, que subirá ao escenario vigués acompañado da súa banda habitual: Pablo Novoa ás teclas, Ricky Falkner ao baixo, Xabier Molero á batería, Sergio Martínez nos teclados e programacións, e con Emilio Sáiz e Amaro Ferreiro ás guitarras. Ferreiro e a súa banda interpretarán as cancións de Trinchera Pop e tamén os clásicos do cantante vigués.
Talento vigués
Ademais do concerto de Iván Ferreiro, a programación do Teatro Afundación inclúe en xaneiro outras tres propostas con carácter netamente vigués. O día 11 de xaneiro celébrase a «Gala Lírica» do Concello de Vigo. O día 24, a Orquestra Vigo 430 inaugura a tempada na que celebra o seu vixésimo aniversario cun programa con dúas composicións de Wolfgang Amadeus Mozart.
As corais viguesas tamén volverán cantar xuntas en Vigo con motivo do inicio do ano. A entidade que se agrupan, Acopovi, organiza o concerto o próximo 26 de xaneiro.
«Cultura por alimentos»
Algúns dos espectáculos programados forman parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). As persoas asistentes poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos contedores dispostos para tal fin no Teatro Afundación. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión de Vigo e a súa área de influencia.
Imaxes dalgúns dos espectáculos, nesta ligazón