Continúa a exposición educativa do ilustrador Pedro Cifuentes na recén inaugurada Comicteca de Afundación
Continúa aberta ao público a exposición educativa asinada por Pedro Cifuentes na Biblioteca do Teatro Afundación de Vigo onde se atopa a recén inaugurada Comicteca. Trátase dun conxunto de cinco paneis con láminas debuxadas polo ilustrador e docentes nas que se tratan, de xeito educativo, temas coma o cambio climático, os obxectivos de desenvolvemento sostible, o Día das Letras Galegas e incluso, a Colección de Arte Afundación. Ademais, todo aquel que formalice o seu carné de socio ou socia da Biblioteca será obsequiado, ata fin de existencias, cunha lámina de Batman ou dalgún dos seus viláns, cortesía de ECC, colaborador deste novo espazo.
Cun fondo artellado por 1500 volumes, doados por Asier Mensuro, impulsor da iniciativa, e Octavio Beares, a Comicteca reflicte o compromiso de Afundación a prol da dinamización de novas linguaxes e disciplinas artísticas, á vangarda das inquietudes dunha sociedade que precisa de espazos renovadores que respondan ás demandas dun público aberto, plural e global.
A Comicteca permanecerá aberta ao publico nos horarios habituais da Biblioteca do Teatro Afundación Vigo: de luns a venres, de 9.00 h a 14.00 h e de 15.00 h a 19.00 h, e os sábados, de 9.00 a 14.00 h.
A Comicteca, un espazo pioneiro
Os 1500 exemplares que integran a Comicteca, a primeira das súas características en Galicia e que conta cun fondo vivo que se irá incrementando a cada paso coa colaboración de distintas editoriais e particulares, datan desde os inicios da ilustración gráfica ata a máis recente actualidade. Poden consultarse tanto en sala como en préstamo a domicilio, unha vez se formalice o carné de socia ou socio da Biblioteca Afundación Vigo.
O obxectivo deste espazo, dirixido a todos os públicos é non só poñer en valor o cómic como arte, senón convertelo nunha ferramenta didáctica que permita achegar o coñecemento aos escolares dun xeito amigable. Para contribuír a este fin, a Comicteca estará aberta a consultas desde calquera punto xeográfico a través dunha páxina web propia na que tamén está habilitado un espazo de documentación para que os colectivos escolares interesados poidan consultar toda a información precisa sobre o cómic como mecanismo de aprendizaxe de moi diversas materias.
A peza máis antiga é a obra completa de Little Nemo, de Winsor McCay (cuxos orixinais se publicaron entre 1905 e 1911 no New York Herald), no referente ao ámbito estadounidense; verbo do panorama europeo, Spirou, de Émile Bravo, é o título de maior veteranía; mentres que no contexto español, conta a Comicteca con El capitán Trueno, de Víctor Mora e Miguel Ambrosio (Ambrós), e Todo barrio, de Carlos Giménez.
Canto a Galicia, onde a ilustración gráfica e a banda deseñada veñen tomando un forte impulso nos últimos tempos, atopamos traballos publicados, tanto en galego coma en castelán, por sinaturas como Miguelanxo Prado, Bea Lema, David Rubín, Miguel Rojo, Alfonso Barreiro, Pablo Prado, Xaquín Marín… A Comicteca inclúe tamén unha variedade de fancines publicados en lingua galega, así como publicacións periódicas tales como Autozine, do festival coruñés «Autobán». Unha parte importante deles están realizados por autoras e autores galegos (algúns emerxentes, outros xa consolidados), como Jacopo, Diego Omil (un dos dous compoñentes de Los Bravú), Teresa Ferreiro ou Begoña García-Alén.
Ademais, unha das riquezas deste novo foro de cultura e coñecemento reside en que todas as etapas do cómic están representadas, con obras e autorías que marcaron un antes e un despois, para cuxa contextualización tamén se atopan neste fondo as obras sobre teoría do cómic e os artigos ao respecto asinados polo propio Asier Mensuro. Sumado a este aspecto debemos destacar o feito de podermos contar, nestes fondos, con pezas consideradas de culto e asinadas por verdadeiros referentes da novena arte e que, nalgúns casos contan cunha consulta exclusiva en sala precisamente pola rareza dese volume, que demanda unha atención específica.
Afundación, á vangarda das novas tendencias
Afundación posiciónase como entidade pioneira e á vangarda das novas propostas dun xénero en continuo crecemento e repercusión social. Cunha traxectoria considerable de mostras vinculadas coa ilustración, a Obra Social ABANCA dá cabida á promoción de novas linguaxes e tendencias, ao desenvolver eventos culturais que animan a seguir dinamizando a crecente produción neste eido en Galicia. Ademais, e dado o carácter interseccional da entidade, a creación da Comicteca catalizará a planificación de actividades de temática paralela enfocadas a potenciar o coñecemento desta arte e que permitirán revisitar, en múltiples ocasións, pezas emblemáticas do noso legado cultural.