
A obra La colección, protagonizada por José Sacristán e Ana Marzoa, inaugura o xoves 23 a Tempada de Abonos do Teatro Afundación
O Teatro Afundación inaugurará o vindeiro xoves, día 23, a súa Tempada de Abonos dedicada ás artes escénicas con todas as súas butacas ocupadas. Ou case todas. Xa está practicamente cheo a falta de 12 días para o pase de La colección, a obra que comeza a programación neste primeiro semestre do ano. En La colección participan algúns dos grandes nomes do teatro español das últimas décadas: o texto e a dirección son de Juan Mayorga, e o elenco lidérano os intérpretes José Sacristán e Ana Marzoa. Será o primeiro dos 7 espectáculos programados na Tempada de Abonos do Teatro Afundación antes do verán. As últimas localidades dispoñibles poden ser adquiridas en Ataquilla.com.
En La colección, Juan Mayorga (Madrid, 1965) convida o público a reflexionar sobre asuntos como o matrimonio ou o paso do tempo, e sobre a misteriosa relación entre as persoas e os obxectos. Os protagonistas da obra son Héctor e Berna, un matrimonio sen fillos que ao longo da súa vida reuniron unha colección pola que sacrificaron todo o demais. Xa anciáns, queren asegurarse de que a colección os sobreviva, para o que buscan unha persoa que a herde. E convocan outra coleccionista, Susana, para que lles axude. Acompáñaos tamén Carlos.
A obra é a segunda das producións do madrileño Teatro de la Abadía desde que Juan Mayorga asumiu a súa dirección artística en 2022. O actor José Sacristán interpreta a Héctor. A protagonista feminina, no papel de Berna, é Ana Marzoa. A actriz, que atesoura distincións como o Premio Nacional de Teatro ou o Premio María Guerrero, tamén é coñecida polas súas aparicións en cinema e en televisión. Nun dos últimos traballos que realizou para a pequena pantalla, foi unha das protagonistas da serie Vis a vis. Completan o elenco Ignacio Jiménez e Zaira Montes.
Seis obras máis
A Tempada de Abonos de teatro da Obra Social de ABANCA en Vigo continuará unha semana despois con La gramática, con texto e dirección de Ernesto Caballero e con María Adánez e José Troncoso como protagonistas. O 20 de febreiro, as actrices María Galiana e Lucía Quintana presentaranse ante o público vigués á fronte do elenco da obra A raíña da beleza de Leenane, dirixida por Juan Echanove.
O 9 de marzo, a actriz Toni Acosta subirá ao escenario do Teatro Afundación para presentar Una madre de película, unha reflexión en clave de comedia sobre o fenómeno denominado niño baleiro. E o 10 de abril será a quenda da adaptación ao teatro da novela clásica La regenta que propoñen Eduardo Galán ―asina o texto―, e a directora portuguesa Helena Pimenta.
A comedia Malditos tacones, con texto de Ignacio Amestoy, no mes de maio, e máis a obra El rey que fue, de Els Joglars, xa en xuño, completan o programa da Tempada de Abonos do Teatro Afundación no primeiro semestre do ano.
«Cultura por alimentos»
A Tempada de Abonos do Teatro Afundación forma parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Os asistentes aos espectáculos poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos contedores dispostos para tal fin no Teatro Afundación de Vigo. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión de Vigo e a súa área de influencia.
Imaxes de La colección, nesta ligazón