
A OSG interpreta o xoves na Sede de Afundación un repertorio pezas de Louise Farrenc, Lowell Liebermann e Robert Schumann
A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) protagonizará o primeiro dos concertos que se van celebrar este ano no Auditorio da Sede de Afundación de Pontevedra. Será o vindeiro xoves, 16 de xaneiro, ás 20.30 h. A velada, organizada pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Sociedade Filharmónica de Pontevedra, comezará cunha obra de Louise Farrenc (1804-1875), compositora e intérprete francesa que creou un rico legado de creacións que, para moitas voces especializadas, foron inxustamente pouco recoñecidas na súa época e na historia da música. O concerto da OSG continuará cunha obra contemporánea, do pianista e compositor estadounidense Lowell Lieberman (1961). Completa o repertorio a Sinfonía nº 1 2, op.61, de Robert Schumann (1810-1856). As entradas están dispoñibles en Ataquilla.com.
Á fronte da Sinfónica de Galicia estará o alemán Markus Stenz (1965). Na súa sólida traxectoria musical, dirixiu formacións como a Orquestra Filarmónica da Radio dos Países Baixos, a Filharmónica de Seúl, a MDR-Sinfonieorchester de Leipzig ou a Filharmónica de Stuttgart.
As imaxes están dispoñibles aquí.
En febreiro, Ara Malikian e O lago dos cisnes
A música volverá ao Auditorio da Sede de Afundación o 9 de febreiro cun concerto de Ara Malikian. O violinista libanés chega a Pontevedra coa súa nova proposta: o nome da súa xira é «Intruso». Malikian explícao así: «No Líbano non me consideraban suficiente libanés porque era de orixe armenio, os armenios non me consideraban abondo armenio porque nacera en Líbano, cando me establecín en Europa non me consideraban europeo porque non nacera en Europa».
O 20 de febreiro, chegará ao escenario do Auditorio de Afundación en Pontevedra o Ballet Nacional de Cuba para presentar a súa versión do ballet O lago dos cisnes, de Piotr Ilich Chaikovski. Chegarán a xuntar 35 artistas en escena.
«Cultura por alimentos»
O concerto da OSG forma parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). As persoas asistentes poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos contedores dispostos para tal fin na sede de Afundación. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión de Pontevedra e a súa área de influencia.