
Tamar Novas e a Real Filharmonía chegan o vindeiro xoves ao Teatro Afundación
A Tempada de Abonos de clásica do Teatro Afundación comeza en 2025 cunha cita que fará coincidir sobre o escenario á Real Filharmonía de Galicia (RFG) co talento interpretativo do actor Tamar Novas e a actriz Inés Salvado. Será no «Concerto de Reis», o vindeiro xoves 9 de xaneiro, que a RFG decidiu celebrar este ano interpretando o Peer Gynt do compositor noruegués Edvard Grieg (1843 – 1907). A Tempada de Abonos de clásica 2025 do Teatro Afundación continuará en febreiro cunha sesión musical coa Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG). Outros tres concertos da RFG, e o que impartirá en maio o conxunto de cámara alemán Hamburger Elbphilharmonisches Sextett, completan a programación da Tempada na primeira metade do ano. As persoas non abonadas que desexen asistir aos concertos poden adquirir as súas localidades en Ataquilla.com.
Peer Gynt é unha composición musical de 1875. Transcorridos 150 anos desde a súa composición, algúns dos seus movementos aínda son moi populares pola súa utilización en coñecidas películas e contidos televisivos. A peza foi creada a partir da obra homónima do grande escritor noruegués Henrik Ibsen, que lle encargou a Edvard Grieg que musica a historia.
O protagonista, Peer Gynt, vivirá amores e desamores, viaxará, vivirá a dor pola morte da súa nai e mesmo se atopará con troles. Tamar Novas e Inés Salvado, colaboradora habitual da RFG, asumen a parte interpretativa dunha posta en escena cuxa dramaturxia corre a cargo de Lorena Conde. A dirección da Real Filharmonía de Galicia recaerá, nesta ocasión, en Roberto Baltar.
«Inconformistas»
O Peer Gynt da RFG forma parte de «Inconformistas», o proxecto da orquestra para a presente tempada. A formación musical compostelá estrutura a súa proposta musical para 2025 ao redor da idea de «manifestar o inconformismo» nun tempo de guerras e dificultades. A frase «sen desviación da norma, o progreso non é posible», do compositor e guitarrista estadounidense Frank Zappa, abre o catálogo oficial elaborado pola RFG para «Inconformistas» a xeito de manifestación de intencións.
Durante o «Concerto de Reis», tamén acompañarán á Real Filharmonía intérpretes en formación na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. E volverán facelo nas outras tres sesións da RFG na primeira parte da Tempada de Abonos de clásica 2025 do Teatro Afundación, que serán o 19 de febreiro, o 11 de abril e o 15 de maio.
Antes, o 13 de febreiro, a Sinfónica de Galicia, co seu director honorario, Víctor Pablo Pérez, á fronte, interpretará a Sinfonía n.º 2 en do menor de Anton Bruckner (1824 – 1896).
O sexteto de corda Hamburger Elbphilharmonisches Sextett comparecerá no Teatro Afundación o 19 de maio no que será o último dos concertos da primeira metade da Tempada de Abonos. Interpretarán dous temas de Johannes Brahms (1833 – 1897), tamén alemán e orixinario de Hamburgo.
«Cultura por alimentos»
Os concertos da Tempada de Abonos de clásica Afundación en Vigo forman parte do programa solidario «Cultura por alimentos», desenvolto pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). As persoas asistentes poderán colaborar depositando alimentos non perecedoiros nos contedores dispostos para tal fin no Teatro Afundación. As doazóns serán distribuídas por FESBAL entre familias en risco de exclusión de Vigo e a súa área de influencia.
Imaxes de arquivo da RFG, Inés Salvado e Tamar Novas, nesta ligazón