VIRXILIO BLANCO
Blanco Garrido, Virxilio
( Forcarei, Pontevedra, 24 de noviembre de 1896 - 24 de junio de 1948 )
Biografía
Virxilio Blanco Garrido toma moi novo o camiño de Cuba; alí serán as súas primeiras experiencias como pintor. A súa primeira exposición, en 1923, faraa no Centro Galego da Habana onde se iniciara na arte como alumno das súas clases de Debuxo e Pintura. Algún dos títulos dos cadros expostos —é o caso do denominado Seica che saben: uns nenos ante unha lareira comendo patacas— aluden a unha temática realista, de condición social, con ese sentido da nostalxia e da querenza pola volta ás raíces, dos galegos “indianos”.
Será este mesmo Centro Galego quen posibilite que aquel mozo faga, en Madrid, os exames de ingreso na denominada Escola Especial de Pintura, Escultura e Gravado no ano 1924. Estará en España, de forma ininterrompida, ata 1927 en que volve a Cuba para, nese mesmo ano, cunha nova bolsa, ir a París. Pois ben, aquela primeira estancia en Madrid permítelle, ademais de estudar, visitar museos, especialmente o do Prado, e ir á súa terra natal, o que supón un contacto más coas súas orixes, ao mesmo tempo que vai practicar un tipo de naturalismo que ten referentes en pintores como Sotomayor e Zuloaga, non sen descoñecer a apetencia de horizontes novos, propugnados pola Asociación de los Artistas Ibéricos que realizan en 1925 a primeira exposición considerada de arte contemporánea en Madrid.
Por outra parte, o París de 1927 supón, para el, un modo de coñecemento das formulacións vangardistas que, daquela, se desenvolvían alí. Entre os pintores da chamada Escola de París o seu modo de facer vaise aproximar ao de Maurice Utrillo pero tamén lle van chamar a atención, por exemplo, os logros da chamada pintura naïf. E se Utrillo pode supoñer todo un referente á hora de aproximarnos á paisaxe urbana, o naïf achégalle recursos ao mundo do retrato. Nese mesmo ano estará en Galicia e, por suposto, volverá, de novo, a Madrid.
Xa en 1930, cunha bolsa da Deputación de Pontevedra regresa a París e outra, da mesma entidade, en 1932, vaille facilitar unha nova estancia na capital de España. Con este ir e vir, a súa pintura fraguara unha obra altamente expresiva e será este xa o momento da volta a casa. E das súas paisaxes parisienses pasará a tomar como motivo outras de Galicia, tanto de carácter urbana coma de carácter rural.
A Guerra Civil e a dura posguerra farán que a súa obra, e o seu mercado, se concentre en Galicia: Vigo, Pontevedra, A Coruña, Santiago serán lugares onde se amose, en diferentes exposicións. En todos os casos, o seu quefacer tiña, por unha parte, como forza motriz eses coñecementos que adquirira ao longo da súa traxectoria, de carácter vangardista e de raíz fundamentalmente parisiense; e pola outra, a presenza de recunchos galegos, concibidos cunha forza expresiva evidente.
A colección de Afundación conta cunha vista de París, de 1929, e outra do Xardín do Posío, de 1931.
José Manuel García Iglesias
Bibliografía
Castro, X. A.: Renovación e avangarda en Galicia (1925-1933) Pontevedra, Diputación Provincial, 1986.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987.