JESÚS BLAS LOURÉS
Blas Lourés, Jesús
( Lugo, 28 de noviembre de 1926 - 4 de marzo de 2015 )
Biografía
Aínda que a súa obra percorreu boa parte de España, o artista que asina cos seus apelidos, Blas Lourés, está por completo vencellado á súa cidade natal, onde se formou e onde exerceu moitos anos a docencia como profesor de debuxo e pintura no colexio Sagrado Corazón e mais no Seminario, e, dende hai vinte anos, no Círculo das Artes, viveiro de inquedanzas plásticas e intelectuais. Empezou a pintar moi cedo aínda que as súas exposicións datan da metade dos anos cincuenta, xa que acudiu a mostras colectivas en Santiago, Alicante, Sevilla, Lorient, París e Bos Aires, seleccionado na mostra itinerante denominada "Dezasete Pintores de Lugo", que se celebrou en 1986. Blas Lourés ilustrou diversas publicacións unitarias e periódicas, así como libros de escritores lucenses coma Ánxel Fole, Uxío Novoneyra, Darío Xohán Cabana e Antón Grande. Individualmente, celebrou numerosas exposicións en tódalas cidades de Galicia; está en posesión de diversos premios, coma o segundo de pintura do Círculo das Artes de Lugo, que acadou en 1954 e o terceiro do bimilenario da súa cidade natal en 1976. Atópanse obras súas no Museo Provincial de Lugo, a Deputación e mailo Concello da mesma cidade, diferentes institucións galegas e coleccións particulares. Lourés é un artista rigoroso que se pode adscribir ó expresionismo figurativo, se ben cunha concepción estética moi peculiar, de raíz folclórica. Excelente debuxante, crea tipos e escenas populares que sabe facer trascender a un intimismo entre dramático e lírico, cunha paleta rica, valente, na que dominan negros e vermellos, en alarde de materia que reitera a súa excelente formación e o seu concepto plástico dentro dun esquematismo deliberado, consecuencia dunha sabia simplificación dos elementos e referencias que lle dan fondura e emocións. Cultivou tódolos xéneros aínda que o seu maxisterio se dá no bodegón e na figura, cunha tipoloxía emparentables con certos modos de Van Gogh, a quen sen dúbida admira. Retratista moi persoal, impresionan os seus rostros concisos, de mirada intensa e rasgos sinoptizados.
Bibliografía
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo 1981.
Dazasete Pintores de Lugo. Lugo, 1986.