FRANCISCO BORES
Bores López, Francisco
( Madrid, 6 de mayo de 1898 - París, 10 de mayo de 1972 )
Biografía
Fillo dunha familia acomodada de tradición monárquica, o seu pai, enxeñeiro, desexa que faga a súa mesma carreira. Non será un técnico, nin tampouco avogado, xa que abandonará os estudos de dereito a pouco de inicialos. En cambio, a súa decidida vocación pola arte comeza a encamiñala na academia do pintor Cecilio Pla, onde traballa durante tres anos.
Colabora, dende o seu inicio, na revista Occidente, que funda Ortega y Gasset. En 1925, participa en Madrid no revolucionario Salón dos Ibéricos, onde están algúns galegos notables, como Arturo Souto e José Frau. Pouco despois viaxa a París, a súa grande ilusión, onde se adscribe ás tendencias cubistas e, en concreto, aos modos puros de Juan Gris, a quen coñece, como a Picasso, Derain e Matisse. A amizade con este xenial artista francés durará moitos anos.
Comeza a definir a súa obra entre cubista, neofigurativa e, por completo, informalista e celebra numerosas exposicións. A guerra mundial pásaa con Matisse en San Juan de Luz e, en canto pode, regresa a París, de cuxa Escola Española é figura destacada.
En 1966, o intelectual André Malraux, daquela ministro de cultura, noméao oficial das Artes e das Letras de Francia.
Traballa para as máis famosas galerías, sen necesidade de ruído, porque un público fiel, de ámbito internacional, se interesa pola súa obra, de grande harmonía, dita en suaves curvas, moi lírica. Leva a súa pintura a Londres, Chicago, Nova York, Bruxelas, Copenhague, Suíza, Oslo, Helsinqui, Estocolmo, Milán. En novembro de 1971, pouco antes da súa morte, realiza unha gran mostra en Madrid, na Galería Theo, avanzada nesta parcela dos grandes nomes españois no estranxeiro. Cando conta setenta e catro anos, morre en París.
Está representado nos museos de Arte Moderna e da Villa, en París; nos tamén franceses de Lille, Bordeos, Grenoble, Nantes e Sete; nos de Suecia, Copenhague, Amsterdam, Edimburgo, Praga, Luxemburgo, Nova York e Connecticut, en Estados Unidos. Tamén no de Arte Contemporánea, en Madrid.
Bibliografía
GRENIER, J.: Bores, Edit. Verve, París, 1961.
NACENTA, R.: L'Ecole de París, Edit. Seghers, París, 1960.
GUILLÉN, M.: Artistas españoles de la Escuela de París, Edit. Taurus, Madrid, 1960.
GAYA NUÑO, J. A.: La Pintura española del siglo XX, Ibérico Europea de Edic., Madrid, 1970.
XURIGUERA, G.: Pintores españoles de la Escuela de París, Ibérico Europea de Edic., Madrid, 1974.
GÁLLEGO, J.: Artistas españoles de la Escuela de París, Centro Conde Duque, Madrid, 1984.