LUIS BORRAJO
Borrajo Vázquez, Luis
( Ourense, 1950 - 15 de diciembre de 2005 )
Biografía
Luis Borrajo Vázquez é un artista que se inicia nos procesos escultóricos ao multisecular xeito. Así entra a traballar de aprendiz co escultor Acisclo Manzano en 1967, artista da madeira naquel momento, ao que se pode considerar o seu mestre. Trasládase a Madrid para estudar deseño en 1969 e alí vive ata 1972. Faino de maneira simultánea con traballos de deseñador na industria. Ao seu regreso a Ourense funda en 1973 o Grupo Deica con Miguel Durán, poeta, e o que era pintor naquel momento, Enrique Conde Escudero, escultor desde os anos oitenta na estela de Oteiza, como o propio Borrajo quen traballa en madeira nesta década na que vive en Montederramo. Son obras desde a inspiración dos apeiros da tradicional cultura agropecuaria campesiña do contorno, inquietude similar en Basallo ou Pestaña, mais a súa raíz é distinta, pois Borrajo traballa o aceiro, co que se expresará na escultura pública. Participa en colectivas, como a de Abrente, Ourense, 1975, cunha peza de madeira, material sempre das súas maquetas que logo desenvolve, como exemplifica Sobre a curiosidade, 2005, o seu canto do cisne, realizada xa por outras mans, cunha sintaxe similar á dos hórreos de Vilardevós (Ourense), onde tiña obradoiro. Séntese escultor de afán construtivista, preto de Anthony Caro ou Chillida e máis propiamente de Jorge Oteiza, en cuxa senda renovadora das formas plásticas non imitativas se inscribe.
Fixo apenas tres exposicións persoais, en 1982, 1990, en Santiago, e na Galería Sargadelos de Ourense, 1991. Invitado ás previas da Bienal de Venecia de 1980, participou na última exposición de Atlántica, Museo do Pobo Galego, Compostela, 1983. De entón hai algunha obra en pedra, material que axiña abandona. Son anos de experimentación matérica e formas abertas, como a presentada na itinerante colectiva Encontros no espazo, 1984; ou as pechadas da segunda metade da década, que prefire. Varias encargas de agora para institutos de Ourense teñen esta praxe, igual ca a da Casa da Xuventude, aínda que máis alá do seu hermetismo de caixa son permeables ao símbolo. En 1989 foi seleccionado para a I Mostra Unión-Fenosa, ano da “Casa da nube”, significativa obra aberta e en desenvolvemento oteiziano, que pecha e culmina co relevo de Acisclo en ángulo a primitiva piscina termal da Burga do Medio, proxecto de Xosé Manuel Casabella para o espazo entre as históricas Burga de Abaixo e de Arriba. Son obras todas definitorias do seu proceder desde a soldadura de precisión á ensamblaxe das pranchas de aceiro industrial.
Na última década do século participa nas grandes exposicións institucionais da Xunta de Galicia para a Expo’92 de Sevilla, Espello do interior, 1994, e Galicia Terra única, 1997, todas en aceiro cor-ten, son o seu escaparate. De 1998 é a monumental Encontro cardinal, nunha rotonda de Compostela, con deseño de Julio Camba. Co novo século, en 2002, utiliza o bronce para a Alameda de Ourense, e realiza unha peza figurativa, núa e deitada, un espellismo, pois recupera o seu dicir plástico con cinco esculturas no Campus da Uvigo, Oco virtual, 2005-2006, clausurada postumamente. Nos fondos de Afundación atópanse varias pezas en formato pequeno que expoñen o perfil da obra grande. Aínda que neste caso son obras independentes, Borrajo traballaba sempre con maquetas que despois levaba á escultura en exterior. Falece aos 55 anos.
Limia Gardón
Bibliografía
Artistas orensanos en Ourense. Ourense, Diputación provincial.
Atlántica 83. Compostela, 1983.
I Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1989.
VV. AA.: Diccionario de Pintores y Escultores Españoles de siglo XX. Vol. II. Madrid, Forum Artis, 1994.