XAQUÍN CHAVES
Chaves López, Xaquín Fernando
( Vilaxoán, Pontevedra, 1959 )
Biografía
A súa máis temperá infancia discorre na zona do Val do Salnés, e a súa vida desenvolverase en gran medida nese territorio das Rías Baixas, o cal terá unha enorme transcendencia na súa obra poética e plástica. Remiso a ofrecer datos biográficos, realiza a súa primeira exposición individual en 1979 no Círculo Artístico Santa Cecilia de Marín, e participa na súa primeira mostra colectiva en 1977 no Círculo Mercantil de Vilagarcía de Arousa. Nos anos oitenta participa en certames, mostras e bienais como Novos Valores, a Bienal de Pontevedra ou a Mostra Unión Fenosa. Posteriormente a súa actividade expositiva verase intensificada e expoñerá en países como Portugal, Francia, Holanda ou Bos Aires, así como en feiras de arte contemporánea como ARCO, Art Madrid e Espazo Atlántico, entre outras. A súa obra atópase representada nas coleccións da Xunta de Galicia, Concello de Vilagarcía de Arousa, Fundación Luis Seoane, Consellería de Agricultura, Gas Natural Fenosa ou do Concello de Vigo, e en diversas coleccións privadas en Galicia, Madrid, Noruega, Arxentina, Alemaña, Cuba, Holanda e EE. UU.
Chaves posúe unha visión poética do mundo que plasma na súa pintura e na súa poesía; as principais disciplinas que explora. Apaixonado da natureza e da botánica, da paisaxe e das sensacións que xorden do belo mundo agro-marítimo das Rías Baixas constitúen a súa fonte de inspiración artística. As influencias na súa obra abarcan desde principais nomes do expresionismo americano como Rothko, Sam Francis, Motherwell ou Newman, ata coloristas como Matisse, Klein ou Guerrero, e artistas orientais antigos, entre outros. Comeza a súa actividade artística mergullada nun surrealismo moi figurativo, que case roza o hiperrealismo, e cun forte compoñente simbólico, no que destacan elementos celtas. Posteriormente, na década dos oitenta, evoluciona cara a unha figuración expresionista que desembocará nos noventa nun expresionismo abstracto. A súa obra caracterízase por transcender calquera encadramento; establece un diálogo entre a linguaxe abstracta e a figurativa, e conviven con naturalidade e fluidez ambas as poéticas. Isto débese á súa actitude creadora aberta, que tamén se reflicte na técnica e na escala das súas obras, organizadas xeralmente en series, pois traballa formatos monumentais, medianos e pequenos con acrílico, pigmento, óleo, acuarela e grafito. Austero no debuxo, se hai un elemento fundamental para Chaves é a cor; a súa pintura transmite unha certa joie de vivre cunha gama cromática que desprende vitalidade e dinamismo, e que está inspirada na súa infancia, pois como el mesmo afirma: “…aún recuerdo los colores de la niñez, como aquel añil del dormitorio o el amarillo de un higo de nopalera que mi padre pelaba, descubriendo su intenso color. Quizás podría decir, parafraseando a Rilke, que los colores de aquella edad conforman aún hoy buena parte de mi patria cromática”.
Tres obras pictóricas de Chaves en formato de grandes dimensións forman parte da Colección Afundación. Azuis (1994) e Fume e chamines (1997) son composicións líricas abertas á imaxinación do espectador —máis a primeira ca a segunda—, con certas referencias formais e nas que conviven trazos, pinceladas máis xeométricas e outras máis xestuais, manchas, e ata drippings en Fume e chamines. En Composición con follas de gingko (2004) reflíctese a poética do fragmento que nesta etapa Chaves incorpora á súa obra; estrutura a composición segundo a xeometría, de modo que crea unha paisaxe intimista de planos e contraplanos na que achamos certas referencias formais que aluden á natureza.
Bibliografía
CASTRO, X. A.: Xaquín Chaves, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1992.
PEREIRO ALONSO, R.: Chaves, Galería Severo Pardo, Vigo, 1994.