ALFONSO COSTA
Costa Beiro, Alfonso
( Noia, A Coruña, 1943 )
Biografía
Vive a súa nenez na vila natal xunto ó océano Atlántico. Ós dezasete anos trasládase a Barcelona. O xove galego ten unha vocación definida pero non un oficio concreto, atravesando dificultades na grande cidade ata que en 1967 realiza a súa primeira exposición. Axiña descobre o seu talento un crítico de prestixio, Cesáreo Rodríguez Aguilera, outro trasterrado que exerce a xudicatura e a crítica de arte. Chega a Cataluña desde a súa Quesada natal, onde veu nacer e medra-lo inmenso pintor Rafael Zabaleta. Anos despois, a mesma prestixiosa firma referendaría a calidade plástica do galego, que posúe un debuxo máxico e unha paleta evanescente, cunha elegancia natural realmente única. Desde a inicial exposición xienense, Costa Beiro de maneira incansable. Selecciónano para unha mostra colectiva de debuxo que leva o nome de Joan Miró. En 1972 concédenlle unha bolsa da Fundación March para coñecer Florencia, feito que vai ter unha influencia decisiva no seu futuro estético. O galego realiza carteis e participa en colectivas internacionais, fai series de gravados que incrementan o seu prestixio e forma parte das mostras que percorren A Habana e Lisboa. Xa está preparado para empresas importantes. En 1984 remata un dos seus grandes empeños, unha pintura de 2.000 metros cadrados, que empezou tres anos antes no Instituto Frenopático de Barcelona. Ilustra series de artigos en prensa, firmados polo seu amigo o escritor Xavier Costa Clavel, así como os poemas de Rodríguez Aguilera. As súas exposicións sucédense en toda España. En 1983 obtén unha bolsa do Ministerio de Cultura e o Concello de Noia outórgalle a medalla da vila, á que lle dedicou carteis festeiros e outros agasallos. A súa presencia no libro é constante con ilustracións para obras de Costa Clavel e Neira Vilas novos murais en 1985 nunha industria coruñesa e no Instituto Xelmírez de Compostela. Máis murais, esta vez en dependencias carcelarias. Tamén realiza exposicións importantes fóra de España. Estamos nos anos oitenta, anos dunha intensa actividade para o artista que xa ve consolidada a súa fama no estranxeiro, principalmente en Francia e en Alemaña. En 1988 realiza unha grande exposición no Kiosko Alfonso da Coruña, amosándolles ós seus paisanos a xustificación da súa sona. Recibe encargos oficiais constantemente. As súas carpetas de gravados interésanlles ós coleccionistas; daquela a súa fama está afianzado dentro e fóra de España. Figura no Museo Provincial de Lugo, no de Pontevedra, no de Sada, A Coruña, no de Arte Moderna de Barcelona, no de Palma de Mallorca, Hospitalet, Barcelona, no Provincial de Burgos, no de Arte Moderna de Madrid, no Zabaleta de Quesada, no de Xaén, Xirona, Ostende, Bélxica; no de Vigo, no da Fundación March, en Madrid. Tamén está representado en institucións oficiais coma o Instituto Padre Sarmiento de Santiago, na Universidade de Compostela,na Xunta de Galicia, no Concello da Coruña, na Generalitat de Barcelona, nas deputacións provinciais de Santander, Xirona, Guadalaxara, así como no Congreso dos Deputados. A pintura de Costa Beira caracterízase por ser dun moi persoal expresionismo lírico; ten concomitancias con Francis Bacon, se ben desde totais liberdades. As súas figuras danzan e posúen unha incontible dinámica, inscribíndose en fondos coma espellos de azougue perdido, con rosas, carmíns, azuis e amarelos. Baseada nun predixioso e rítmico debuxo, a materia é leve, esluída, con texturas moi ricas e constrastes de tons con efectivismo de vidreira. Practicamente nunca se apartou dunha vaga figuración, aínda que as doses de abstracción sexan considerables. Sabe aproveitar recursos do cubismo e mesmo do surrealismo en composicións medidas nas que latexa a xeometría ben dixerida. Unha grande ledicia, un eido lúdico presiden estas pinturas nas que están o mito, o onirismo, a evocación e maila ideación en perspectivas infinitas que emparentan, ás veces, co menos rigoroso Dalí, ó que sen dúbida coñece ben. Ó seu xeito, Beiro, como bo galego, é un barroco apaixonado e, en definitiva, un grande creador e un grande pintor.
Bibliografía
I e II MOSTRA Unión Fenosa, MACUF, A Coruña, 1989 e 1991.
CASTRO ARINES, J. de: Alfonso Costa, Edit. Sotelo Blanco, Barcelona, 1986.
CASTRO, X. A.: Expresión atlántica, Edit. Follas Novas, Santiago de Copostela, 1985.
GARCÍA Iglesias, J. M.: Alfonso Costa, Edit. Dubé, Barcelona, 1990.
GRAN enciclopedia gallega. Vol. 7., S. Cañada, Edit., Gijón, 1964.
MON, F.: Pintura contemporánea en Galicia, Caixa Galicia, A Coruña, 1987.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.
VANGARDAS e silencios, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1988.