ISAAC DÍAZ PARDO
Díaz Pardo, Isaac
( Santiago de Compostela, 22 de agosto de 1920 - A Coruña, 5 de enero de 2012 )
Biografía
A prolífica vida de Isaac Díaz Pardo estivo relacionada desde a súa infancia coa creación artística. O obradoiro do seu pai —o escenógrafo Camilo Díaz Baliño— na casa da Tumbona da compostelá rúa das Hortas, era frecuentado polo máis selecto das Irmandades da Fala, do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista. Aquela foi unha escola que, por osmose emocional, foi guiando a Isaac nos principios galeguistas que o orientaban (“Prendinlle na cabeza do meu fillo, unha estreliña forxada na irmandá” (Camilo Díaz Baliño, 1930).
Tras o asasinato do seu pai a comezos da Guerra Civil, en 1939 ingresou na Escola de Belas Artes de San Fernando. Pouco despois participou na primeira experiencia en España de deseño industrial da Escola da Palma, visitou os museos máis importantes de Roma, Siena e Florencia, exerceu de profesor de debuxo na Escola de Belas Artes San Jordi de Barcelona e desde 1943 a 1948 dedicouse integramente á pintura e realizou numerosas exposicións na Coruña, en Vigo, Madrid, Barcelona e Londres con grandísimo éxito. En 1948, no momento en que se erixía como un dos valores máis consagrados da plástica galega do seu tempo, decidiu abandonar a pintura e dedicarse á industria cerámica para o que en 1950 puxo en marcha a Fábrica de Cerámicas do Castro na que integrou a arte e o deseño na cadea de produción industrial.
En 1955 viaxou a Arxentina e montou a Fábrica de Cerámica de La Magdalena a 108 km de Bos Aires, onde concibiu diversas actuacións para recuperar a memoria histórica de Galicia. A idea concretouse na creación do Laboratorio de Formas de Galicia (LF), ente teórico e viveiro de ideas, creado en 1963 por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.
A primeira actuación do LF foi a creación en 1963 de Ediciós do Castro. A segunda, fundar en 1970 o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside. E a terceira, consistiu en restaurar e iniciar en 1970 a actividade de Sargadelos, que coa cor azul cobalto como elemento de identificación e a actualizada estrela de sete aspas radiais como marca produce louza e pezas ornamentais que actúan de embaixadoras de Galicia polo mundo.
Como pintor, o seu período inicial fundaméntanse nunha sólida formación académica clásica, coa figura humana e o debuxo como protagonistas. Froito deste impecable procedemento figurativo é a obra O home da cunca (1950) da Colección Afundación. Á mesma etapa corresponden: Maternidade (1945), O xuízo de Salomón (1945), Os afogados (1946), O concerto da zanfona (1946), O bautizo (1946), O discurso (1946), A barca de Caronte (1947)… Desde que abandonou profesionalmente a pintura de cabalete foise liberando do clasicismo rigoroso e achega unha ollada distinta sobre as cousas. Introduce na súa pintura a denuncia social: xentes do pobo de procedencia xeralmente obreira e campesiña, que compoñen a serie titulada Xentes que ollan. É unha obra máis política, propia dun cidadán que se tivo que enfrontar á vida como perdedor da historia. Despois da etapa clásica, estamos agora diante dunha actitude expresionista da pintura de Isaac Díaz Pardo.
Xosé Ramón Fandiño
Bibliografía
VV. AA.: Isaac Diaz Pardo, un proxecto socio-cultural para Galicia. Santiago de Compostela,1990.
CHAMOSO LAMAS, M.: «Arte», en Galicia, Edit. Noguer, Barcelona, 1976.
MON, F.: Pintura Contemporánea en Galicia, Caixa Galicia, A Coruña, 1987.
PABLOS, F.: Plástica galega, Caixavigo, Vigo, 1981.
ILARRI GIMENO, A.: Catálogo del Pazo Museo "Quiñones de León", Concello de Vigo, Vigo, 1978.