MARÍA VICTORIA DE LA FUENTE
Fuente Alonso, María Victoria de la
( Vigo, 9 de marzo de 1929 - Madrid, 2009 )
Biografía
Dúas das obras de Mª Victoria de la Fuente, integrantes da colección Afundación, definen perfectamente a condición de extraordinaria pintora desta muller nacida no seo dunha familia con profundas inquietudes artísticas e culturais. Son dous bodegóns pintados nos anos setenta, Bodegón (1970) e A nevada (1972). Dous interiores nos que a autora é quen de lograr unha atmosfera conmovedora, que mostra a súa destreza co debuxo, ao mesmo tempo que ofrece unha condensación de silencio e misterio que converten as dúas pezas, e por prolongación á súa pintura, na capacidade de xerar unha ilusión dentro do lenzo. Unha ilusión sensible e intuitiva coa realidade, coa materialidade dos obxectos e coa espiritualidade dun ambiente condicionado pola situación exterior.
O seu pai, o afamado arquitecto Jenaro de la Fuente, un dos grandes modeladores do Vigo actual, fixo da súa formación unha das súas obsesións. Unha intensidade académica e educativa que xerou unha certa rebeldía naquela nena que intuía no territorio plástico un escenario para exercer esa liberdade ao longo da vida. No Instituto de Vigo coincide co pintor Carlos Maside que advirte nela esa vocación artística e que a impulsa ao seu desenvolvemento, que levará a cabo en Madrid, cidade que compartirá con Vigo ao longo de toda a súa vida. Madrid para a pintura é o Museo do Prado e alí aquela moza sente o impulso definitivo. Acode a clases de pintura a cargo de Julio Moisés e durante os anos cincuenta completa a súa formación xunto á realización de viaxes que a levan a París, Roma, Holanda, Alemaña, e empápase dos grandes nomes da pintura. Ao seu regreso comeza a súa actividade expositiva, en mostras colectivas e coa importante encarga de realizar un mural na Aula Magna da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela de 105 metros cadrados. En tempos nos que o Informalismo definía unha maneira de resistencia Mª Victoria de la Fuente non renuncia á figuración como eixe central do seu traballo, sen por iso, desprezar e mesmo incluír nos seus traballos elementos daquela abstracción que se podían adaptar a esa consecución dunha atmosfera singular dentro do lenzo. Esa aposta figurativa lévaa a situarse en posicións de privilexio no ambiente madrileño dos anos sesenta e realiza en 1962 a súa primeira mostra individual no Ateneo de Madrid.
Esa dialéctica entre figura e baleiro foi a que xerou a eficaz tensión que se revelaba en moitas das súas obras. Ao mesmo tempo esa etapa, dunha pintura máis densa e solidificada, foise atemperando e optouse por unha gama cromática moito máis contida que lle permitiu á pintora lograr nos seus cadros novas conquistas que acompañaban así eses obxectos que se foron impoñendo á figuración como ese desafío permanente do pintor co seu motivo. Obxectos que endexamais son iguais en función do ambiente, da luz que incida neles, da súa colocación, da hora do día na que sexan pintados, en definitiva, un reto permanente que non permitiu relaxarse a súa pintura e así podémola contemplar de maneira xustificada en numerosos centros artísticos. Deste xeito, Mª Victoria de la Fuente foi recoñecida con diferentes e importantes distincións como a Medalla Castelao recibida en 1997.
Ramón Rozas
Bibliografía
Gayo Nuño, Juan Antonio: La pintura española del siglo XX.
Madrid, Ibérico Europea, Edic., 1970.
-Campoy, A. M.: Diccionario crítico del Arte español contemporáneo. Madrid, 1973.
-Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las exposiciones nacionales de Bellas Artes.
Madrid 1980.
-Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia.
A Coruña, Caixa Galicia 1987.
-VV. AA.: Mujeres en el Arte español.
Madrid, Centro Conde Duque, 1984.
-Pablos, Francisco: Plástica gallega.
Vigo, Caixavigo 1981.
-VV. AA.: Un siglo de pintura gallega 1880/1980.
Buenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes, 1984.
-Vangardas e silencios.
Compostela, Xunta de Galicia 1984.