MARUJA MALLO
Gómez González, Ana María
( Viveiro, Lugo, 5 de enero de 1902 - Madrid, 6 de febrero de 1995 )
Biografía
Nace en Viveiro, vive de nena en Corcubión e Tui e despois en Avilés. Entre 1922 e 1926 estuda na Academia de San Fernando de Madrid. En 1926 consegue unha bolsa da Deputación de Lugo e en 1927 comeza a colaborar na Revista de Occidente e realiza a súa primeira exposición. Desde moi nova vincúlase ao ambiente cultural da Xeración do 27.
A súa obra vai pasar por diferentes etapas. A primeira delas é a que corresponde ás súas pinturas de temas de verbenas e deportivos, moi achegadas á figuración europea do chamado “realismo máxico”.
A súa pintura sofre a partir de 1929 unha mudanza radical, inicia a serie Cloacas e campanarios, na que proxecta unha ollada crítica sobre unha sociedade en plena convulsión social. O lixo, os esqueletos, os detritos, con fondos escuros, presentan un mundo abisal e onírico do que emerxe un intenso desacougo, que tanto fascinou os surrealistas. André Breton chegou a facerse cunha das teas desta serie cando a artista expón en París.
En 1933 volve a Madrid, participa nas Misións Pedagóxicas e é incluída polo artista uruguaio Torres García no Grupo de Arte Construtiva. Durante estes anos desenvolve unha pintura rexida pola orde xeométrica e influída polo construtivismo, en que a preocupación pola forma, cun rigoroso estudo da sección áurea, ía á par do seu compromiso social. Este estilo, que vai marcar toda a súa evolución, acadou a maior elevación e calidade no período inmediatamente anterior á súa marcha e nos primeiros anos de exilio.
Ao estalar a Guerra Civil está en Beluso (Bueu), e desde Galicia segue o camiño do exilio, logo instálase en Bos Aires. Principia así unha nova etapa vital e artística, dá conferencias, deseña tecidos e mobles, expón por toda América e pinta murais.
Na súa nova obra combina as estruturas xeométricas e os trazos surrealistas, que xa estaban presentes nos anos trinta, e que agora reaparecen cun sentido diferente, máis orgánico e vitalista, ligado, sen dúbida, á experiencia americana, pero sempre mantendo o rigor xeométrico herdado dos tempos construtivistas. A artista amosa a completa e fascinante revelación que supón para ela o novo continente. As súas carautas son boa proba deste influxo, son obras que lembran os ritos de relixións sincréticas americanas como Máscaras (1942). A motivacións semellantes responden a serie Naturezas vivas e os seus Retratos bidimensionais, de raíz étnica, como Muller loura (1951). Estes últimos son hieráticas cabezas femininas de fronte ou de perfil, que a pintora realiza nas décadas dos corenta e cincuenta e que están entre o máis logrado da súa produción. Son representacións de arquetipos étnicos, que enxalzan a beleza feminina na súa plenitude e, ao mesmo tempo, expresan a saudade por unha nova humanidade. Os trazos fisionómicos están definidos cunha estática monumentalidade, herdeira da súa pintura dos anos trinta. Maruja Mallo traballa cun debuxo preciso e cun sentido da forma xeometrizada e arquitectónica de maneira que dota as pinturas desa enerxía que flúe do conxunto da súa obra e que sempre a acompañou ao longo dunha vida intensa, complexa e chea de autenticidade.
Carlos L. Bernárdez
Bibliografía
Gómez de la Serna, Ramón: Maruja Mallo. Buenos Aires, Edit. Losada,1942.
Gándara, Consuelo de la: Maruja Mallo. Madrid, Ministerio de Educación y Ciencia, 1978.
VV. AA.: Mujeres en el arte español. Madrid, Centro Conde Duque, 1984.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
II Bienal de Artistas Galegas. Vigo, Concello, 1990.
VV. AA.: Un siglo de pintura gallega 1880/1980. BUenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes, 1984.
Mallo, Maruja: Lo popular en la plástica a través de mi obra. Buenos Aires Edit. Losada.
Gaya Nuño, J. A.: La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1970.
Campoy. A. M.: Diccionario crítico del Arte español contemporáneo. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1973.
V. V. A. A.: Maruja MalloSantiago de Compostela, 1993.