JOAN HERNÁNDEZ PIJUÁN
Hernández Pijuán, Joan
( Barcelona, 15 de febrero de 1931 - 28 de diciembre de 2004 )
Biografía
Joan Hernández Pijuán está considerado como un dos máis destacados pintores informalistas cataláns do século XX, con repercusión a nivel internacional, aínda que nunca abandonaría as referencias figurativas. Na segunda metade da década dos anos 40 formouse na Escola de Artes e Oficios de Barcelona e a comezos do seguinte decenio participaría en mostras de carácter colectivo, empezando a definir o seu estilo, nun principio baseado nun expresionismo esquematizado, preocupándose pola sobriedade e polos volumes. Este evolucionaría cara a unha combinación de abstracción e figuración xeométrica esencializada, onde os motivos solitarios parecen flotar sobre fondos indefinidos cubertos por manchas, en ocasións, orgánicas e noutras de carácter máis xeométrico, realizadas en tonalidades neutras, grises, ocres ou verdes.
A finais dos anos 50 gozará dunha estancia en París, cidade na que, na Escola de Belas Artes, se interesa pola técnica do gravado. De regreso a Barcelona organizará exposicións de carácter individual e colaborará con deseños para escenografía, ademais de incrementar a súa produción gráfica con distintas series de gravados, obra coa que participa durante décadas en mostras arredor do mundo, en cidades como Nova York, Tokio, São Paulo, Venecia ou Alexandría.
Desde mediados da década dos 70 compaxinou a súa faceta creativa coa de docente na Escola Superior de Belas Artes de San Jordi e coa impartición de obradoiros en centros como o Círculo de Belas Artes de Madrid ou en Arte Actual de Las Palmas de Gran Canaria. A finais dos anos 80 obterá a cátedra na Facultade de Belas Artes da Universidade de Barcelona, onde se doutorou coa tese Pintura y espacio, una experiencia personal.
A súa traxectoria foi recoñecida cos premios da Dirección Xeral de Belas Artes, co Premio de Deportes nas Belas Artes, coa medalla de ouro da III Bienal Internacional de Zaragoza, coa Cruz de San Jordi ou co Premio Nacional de Artes Plásticas, entre outros. Así mesmo, a súa obra pode contemplarse en museos de cidades como Poznan (Polonia), Cracovia, Cuenca, Varsovia o Lieja. A isto hai que engadir que ao longo da súa carreira realizou murais en espazos públicos como os do Pavillón San Jordi do Anel Olímpico de Montjuic (Barcelona), a Igrexa de Santa María de Castelldefels, o salón de plenos do Concello de Barcelona ou os da Aula Ramón y Cajal da Universidade de Barcelona.
As creacións pertencentes a Afundación son unha acuarela e unha litografía. Esta última dátase en 1982, un período de consolidación da súa carreira creativa, xa que só dous anos máis tarde recibiría o Premio Nacional de Artes Plásticas. O estilo que desenvolveu neste tempo coincide cunha pincelada que se abandona á inmediatez e ao azar. A superficie plástica organízase con trazos que xorden ou se sobrepoñen a manchas de cor, que dispersa na composición. Concédelle grande importancia ao espazo, á superficie e, nalgún caso, tende á monocromía, algo que lle facilitou a técnica do gravado.
Da referencia a grandes superficies sobre as que viña traballando, transita a pequenos detalles que se concentran na composición abstraendo e transmitindo a través da súa linguaxe plástica a súa concepción da paisaxe, que tanto o inspiraría ao longo da súa carreira, moitas veces representada a través de elementos vexetais con certas referencias figurativas como poden ser as flores ou plantas. Este tradicional xénero pictórico vólvese conceptual na produción de Hernández Pijuán de xeito que responde a unha interpretación moi persoal do mundo que o rodea.
Bibliografía