RITA MAGALHÃES
Magalhães, Rita
( Luanda, Angola, 1974 )
Biografía
É licenciada en Belas Artes na especialidade de Pintura pola Facultade de Belas Artes de Oporto. Inaugura a súa actividade expositiva cunha mostra colectiva denominada Alcántara en Lisboa no ano 1998, e un ano máis tarde realiza a súa primeira exposición individual na Sala Poste-ite de Oporto, á que lle seguen numerosas mostras tanto individuais coma colectivas en diversas cidades de Portugal —principalmente Oporto-, España, Holanda, Arabia Saudita, Brasil, Reino Unido, etc.; destaca a súa participación na célebre feira de arte contemporánea Art Basel. A súa obra foi exposta en renomeados espazos artísticos como o Somerset House de Londres, o Witte de With Center for Contemporary Art en Róterdam ou o Espaço BESART en Lisboa, e atópase representada no Museo de Serralves (Oporto), Fundação Calouste Gubelkian (Lisboa), Colecção BESart (Banco Espirito Santo, Lisboa), Fundación Barrié de la Maza (A Coruña), CAC (Málaga) ou o CGAC (Santiago de Compostela).
Aínda que formada na pintura, Magalhães elixe a fotografía como medio de expresión. As súa imaxes posúen unha gran base e inspiración pictórica, e nelas atopamos constantes referencias á pintura clásica, en especial do período barroco: Vermeer inflúelle nas cores e na luz; de Turner e Friedrich toma as súas atmosferas nostálxicas e vaporosas; a sobriedade e delicadeza recordan as estampas xaponesas; e dos prerrafaelitas como Millais recoñecemos a influencia na representación feminina. Na súa linguaxe artística conviven a fotografía e a pintura clásica; establécese un suxestivo diálogo entre o moderno e o clásico. A artista non concibe a fotografía como o acto de captar un anaco da realidade, senón que intervén esa realidade que se presenta ante o seu obxectivo porque hai algo que quere expresar a través das súas románticas e oníricas pezas nas que se combina o instantáneo e o eterno. As súas temáticas predilectas son: a muller, que realiza labores cotiáns e domésticos, mergullada nunha atmosfera de irrealidade e, por outro lado, a paisaxe, a cal nunca se pode apreciar de forma directa; aparece a través de reflexos da auga, de ventás ou portas entreabertas. Organiza a súa produción a través de series que nos trasladan a distintos momentos da historia da arte, e mediante o formato seleccionado remarca o discurso das súas obras, de modo que nos interiores emprega un formato pequeno para reforzar a sensación de intimidade, e na serie con influencias orientais decántase, non obstante, pola verticalidade característica da estampa xaponesa.
Nas catro obras fotográficas que integran a Colección Afundación a muller álzase como protagonista indiscutible. En todas as imaxes se aprecia unha enorme influencia da pintura holandesa barroca, en concreto de Johannes Vermeer de Delft (1632 - 1675) e os seus sinxelos e delicados retratos de mulleres. A luz adquire unha importancia fundamental cun forte xogo de claroscuros na maioría das imaxes —recordan quizais máis ao italiano Caravaggio (1571-1610) ca á Escola Holandesa— que reforza o recollemento das silentes escenas, eses momentos íntimos que presentan un aire intemporal e que se atopan rodeados de misterio. Todas as mozas —as modelos das súas obras adoitan pertencer ao seu contorno familiar— aparecen solitarias, ensimesmadas, concentradas ou ausentes, coa ollada focalizada nun elemento que non podemos apreciar ou na lectura dunha carta —evoca a obra Muller lendo unha carta (1663-1664) do mestre holandés de Delft—, e todas ataviadas con roupaxes clásicas características daquela época envoltas nun halo de melancolía.