JUAN MARTÍNEZ ABADES
Martínez Abades, Juan
( Gijón, 1862 - Madrid, 1920 )
Biografía
Personalidade curiosísima, posto que compartiu a pintura, especializándose en mariñas de considerables tamaños e ambiente melancólico e gris, coa autoría de cuplés, xénero no que foi moi celebrado no seu tempo, como recollen Bernardino de Pantorba e Ángel Ilarri.
Cursou estudos na Escola de San Fernando, onde foi discípulo de J. Grajera. Concorreu ás Exposicións Nacionais de Belas Artes, conseguindo medallas nas de 1890 e 1892, na súa categoría de prata. Na de 1891 tivo consideración de medalla de ouro e foi condecorado nas de 1895, 1899 e 1904.
Foi pensionado pola Deputación de Oviedo en 1881, institución que repetiu a súa axuda en 1887 para residir na Escola Española de Roma.
Retorna a Madrid en 1893 e traballa incansablemente nas zonas costeiras de España. En Vigo estivo varias veces e pintou mariñas que conservan o Museo de Castrelos, o Concello e Caixavigo, de excelente factura.
En 1916, conseguiu medalla de ouro na Exposición Internacional de Panamá. Colaborou na revista Blanco y Negro e realizou numerosas exposicións persoais en Madrid, Bilbao, As Palmas e A Habana. Pouco despois do seu falecemento, realizouse unha grande exposición na súa homenaxe no Círculo de Belas Artes de Madrid.
Martínez Abades é fundamentalmente un paisaxista. Pintor de magnífico oficio, entoa as súas mariñas, de grandes dimensións, en grises. Ceos, augas, peiraos pétreos, barcos ambiéntanse nesa cor neutra en gradacións exquisitas a base dunha pincelada tendida, de materia moi aquilatada.
Está representado en diferentes museos de provincias como o de Castrelos en Vigo e en institucións oficiais de Madrid e Asturias.
Bibliografía
PANTORBA, B. de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes, Madrid, 1980.
ILARRI GIMENO, A: Catálogo del Pazo Museo «Quiñones de León», Concello de Vigo, Vigo, 1978.