ARMANDO MARTÍNEZ
Martínez Vázquez, Armando Emilio
( A Ermida, Pontevedra, 1955 )
Biografía
Inquedo, viaxeiro, viu e gozou moito contemplando arte polo mundo este pontevedrés do que o nome completo é Armando Emilio Martínez Vázquez. Cando contaba 23 anos trasladouse a Portugal e residiu en Coimbra ano e medio. Neste ambiente absorbeu modos dunha cultura tradicional e ó mesmo tempo aberta ó mundo, dado o carácter universitario da vella cidade lusitana. Alí comezou a tallar madeira, estimulado por artistas portugueses. O seu afán viaxeiro levouno a residir máis tarde en Barcelona, París, Italia, e en Reggio Emilia pasa tres anos e alcanza recoñecemento. Antes de instalarse en Vigo pasa algún tempo en Edimburgo. É, daquela, un europeo, aberto a numerosas correntes estéticas. Comezou a expoñer en Italia en 1986 e fíxoo tamén en diferentes cidades de Portugal e de Galicia. Está representado en museos italianos e escoceses. Está en posesión de premios en Italia e realizou numerosos monumentos públicos en cidades deste país e en Galicia. A escultura de Armando Martínez é unha síntese de clasicismo e romanticismo. Ama as curvas, as formas envoltas e meramente suxeridas e acaricia a materia, que pide o tacto do espectador, mesmo nos grandes tamaños. Nunca detalla rostros, pero achégase constantemente á figura humana e en concreto ó espido, que estiliza e simplifica. As referencias da Grecia clásica están presentes, como o está o renacentismo miguelangelesco. Pero ó mesmo tempo, soubo absorber innovacións de Boccioni e outros escultores europeos dos anos de entreguerras, e da España da mesma época, con Llimona, Clará, Planes, de maneira que fai verdade ó postulado orsiano de que en arte todo o que non é tradición é plaxio. As formas son belas, envolventes, sen drama, sempre con intención monumental, aínda que se exprese en pequenos tamaños.
Bibliografía
Elorrieta, Fernando: Texto en catálogo. Soutomaior, 1993.
Álvarez Solís, Antonio: Texto en catálogo. Madrid, 1999.
Catálogo da exposición de Alfama de 1999 coa obra reproducida.