JOAN MIRÓ
Miró i Ferrá, Joan
( Barcelona, 20 de abril de 1893 - Palma de Mallorca, 25 de diciembre de 1983 )
Biografía
Joan Miró é un dos máis destacados artistas españoles do século XX e un dos máis brillantes representantes do surrealismo. Formado na Escola de Belas Artes de Barcelona e na Academia Francesc Galí, a súa obra inicial estaría influída polo postimpresionismo, polo fauvismo e polas estampas xaponesas. Decidido a dedicarse profesionalmente á creación plástica, en 1918 intégrase na Agrupación Courbet e celebra a súa primeira exposición individual. Dous anos despois viaxará a París, cidade na que residirá vinte anos, onde coñecerá a Picasso, Breton, Ernst ou Gargallo, e na que comezará a traballar o surrealismo no que desenvolvería o resto da súa carreira creativa desde un estilo moi persoal.
O seu regreso a España producirase co estalido da Segunda Guerra Mundial. Así aséntase en Palma, onde Josep Lluís Sert lle deseñou a súa vivenda e estudio, para continuar dedicándose á pintura, así como á produción dunha extensa obra gráfica, ademais de á cerámica e á escultura. A súa produción está moi influenciada polo contorno natural, do que parten as súas investigacións técnicas. Foxe dos preceptos academicistas e aposta por obras de arte baseadas en conceptos globais, afastadas de movementos artísticos concretos.
A obra de Miró foi exposta nos principais museos e centros a nivel internacional, como o MoMA (Nova York), Guggenheim (Nova York), Museo Nacional de Arte Moderna (París), Museo Nacional de Arte Moderna (París) ou no Museo Nacional de Arte de Tokyo, entre outros. Así mesmo, deseñou murais para o Wilhelm-Hack Museum de Ludwigshafen, para o Palacio de Congresos de Madrid, para a Universidade de Harvard ou para a sede da UNESCO en París. Ao longo da súa carreira recibiu diversos recoñecementos como a Gran Cruz da Orde Civil de Afonso X o Sabio, o Gran Premio da Fundación Guggenheim, Cabaleiro da Lexión de Honor de Francia, a Medalla de Ouro das Belas Artes ou o doutoramento honoris causa pola Universidade de Harvard. Actualmente, dúas fundacións con sede en Barcelona e Palma levan o seu nome.
O seu particular estilo está ateigado dun vocabulario conformado por elementos celestes como estrelas, paxaros ou formas orgánicas abstractas, que ás veces aluden á simboloxía sexual e enchen toda a súa obra. As cores saturadas e planas son distintivas da súa produción, onde os azuis, amarelos ou vermellos contrastan con masas de negros sobre fondos indefinidos. A obra Quatre colours aparien le mon, datada en 1970, reflicte a particular linguaxe plástica do autor catalán, coa presenza da estrela e da lúa, así como a súa habitual gama cromática resaltada sobre un fondo gris no que prescinde de calquera recoñecible, impactando visualmente o espectador.
A técnica do gravado foi unha das máis empregadas por Miró, neste caso trátase dunha litografía, realizada nun período de consolidación da súa carreira a nivel internacional. O ano de 1970 coincide coa data da realización de dous murais para a Exposición Internacional de Osaka e para o Aeroporto de Barcelona, este último en colaboración co ceramista Artigas.