PEDRO MUIÑO
Muiño Fernández, Pedro
( Irixoa, A Coruña, 1954 )
Biografía
De formación autodidacta, Pedro Muiño interesouse desde moi novo por estudar os mestres clásicos a través dos libros e copiaba as súas obras para perfeccionar a súa técnica. Expoñería por primeira vez aos 17 anos e en 1984 fundaría cos artistas Xavier Correa Corredoira e Pepe Galán o colectivo Gruporzán, que abriu unha galería homónima onde tamén expuxeron colegas como Xaime Cabanas, Chelín, Xoti de Luis ou César Otero, entre outros. Neste espazo, ademais de organizar mostras, tamén se editou obra gráfica e se deseñaron proxectos culturais para diversas institucións. Actualmente vive e traballa en Alacant, onde se mudou hai 21 anos, tras unha estancia de catro anos en Cataluña.
A obra deste autor pódese contemplar en coleccións como o Museo do Barrio (Nova York), o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside (O Castro, A Coruña), a do CGAC (Santiago de Compostela), a da Deputación de Córdoba, a da Fundación Pedro Barrié de la Maza (A Coruña), a da Universidade da Coruña ou a do International Bank of Miami. Expuxo en cidades nacionais e internacionais de forma ininterrompida, tanto a nivel individual coma colectivo. A súa carreira foi recoñecida co Premio Julián Trincado da V Mostra de Unión Fenosa.
A obra de Muiño pódese dividir en tres etapas. Unha primeira que abarcará entre finais dos anos 70 e a seguinte década, na que a súa produción evoluciona desde connotacións surrealistas a unha figuración baseada no clasicismo do Renacemento, interpretado desde un punto de vista simbolista, que nunca abandonaría ao longo da súa carreira.
Desde 1990 ata mediados do 2000, as súas obras abordan espazos abertos habitados por formas simbólicas que enchen as composicións de lirismo. As superficies énchense de textura e as cores intensifícanse. Predominan así os anís, os laranxas e os amarelos, xunto cos brancos e cos ocres. No entanto, a medida que avanza o 2000 as súas obras comezan a tinguirse de intenso negro, unha característica que manterá ata a actualidade, combinado con grises, pardos e pequenos puntos de cor vermello, laranxa ou branco. A sobriedade, a xeometría e a luz toman o protagonismo.
Este autor considera que ao longo da súa traxectoria, incluso nas súas composicións aparentemente máis abstractas, como nas que traballa na actualidade, a figuración sempre está presente e afirma que hoxe en día se segue exercitando e copiando os mestres clásicos. Así mesmo, para el a cor é o fundamento de toda composición, xa que é a que capta a atención do espectador, polo que sempre o utilizou selectivamente e de forma conceptual.
Na colección de Afundación consérvanse dúas obras de Muiño, pertencentes á primeira metade da década dos anos 90. Baixo o título Presenzas 2 o autor realiza unha composición abstracta onde os amarelos e laranxas serven de fondo indefinido á incursión de liñas negras e figuras de inspiración xeométrica realizadas en amarelo ou ocres cargadas de textura. Pola súa parte, en Os desexos o intenso azul domina o fondo plano sobre o que parecen flotar formas non recoñecibles, pero con forte carga simbólica que posúen unha clara inspiración no estilo de Miró. A figuración destaca en amarelos, negros e brancos contribuíndo a lograr un dos característicos espazos abertos sobre os que traballou Muiño nesta década.
Bibliografía
Sobrino Manzanares, M.ª Luisa y Liaño Pedreira, M.ª Dolores: Catálogo del Patrimonio Artístico de la Diputación de A Coruña. A Coruña, 1991.
1990. Becas e adquisicións. Santiago, Xunta de Galicia, 1986.