ÁLVARO NEGRO
Negro Romero, Álvaro
( Lalín, Pontevedra, 1973 )
Biografía
De neno comparte a súa vocación creadora co seu irmán, o poeta Carlos Negro, e unha visita coa familia ao Museo do Prado na súa etapa adolescente será o acicate para que comece en 1991 os estudos de Belas Artes na Facultade de Pontevedra; remata a carreira en 1996. Realiza as primeiras obras nos últimos anos na facultade, e o desenvolvemento da súa carreira —coa conseguinte inmersión no panorama artístico do momento— prodúcese coas súas primeiras mostras individuais en 1997 nas galerías Rayuela (de Madrid) e Sargadelos (de Santiago de Compostela). Participa en obradoiros e cursos dirixidos por célebres artistas como Lucio Muñoz, Rafael Canogar ou Jannis Kounnelis. Recibe unha bolsa da Fundación Barrié no ano 2002 para realizar un posgrao en Belas Artes na reputada Central Saint Martins College of Art & Design en Londres. No ano 2007, tras gozar dunha bolsa do Concello de Lalín para unha estadía en Berlín, trasládase a Londres ao recibir a Bolsa Unión Fenosa de creación artística no estranxeiro. Anos máis tarde, obtén a bolsa como residente na Real Academia de España en Roma (2017-2018). Considerado un dos artistas máis sólidos da súa xeración, participou en repetidas ocasións en ARCO e en diversos certames e concursos, así como en mostras individuais e colectivas tanto a nivel nacional coma internacional. A súa obra está representada en coleccións como a do CGAC, Fundación Barrié de la Maza, Colección MICA, Abanca, Colección Circa XX-Pilar Citoler, Colección Purificación García, Unión Fenosa, Fundación Coca-Cola, MARCO ou a Colección Würtz, entre outras. Así mesmo, realizou textos e ensaios sobre outros artistas e comisariou a mostra colectiva Narrativas Monumentales no MAC da Coruña ou a XIV Bienal Pintor Laxeiro da súa vila natal.
O traballo lento deste pintor —en palabras do crítico David Barro— flutúa entre a práctica artística e a teórica, e xira sobre o xénero da pintura, que analiza desde unha concepción abstracta sen esquecer a tradición e a historia como fonte de busca de problemáticas pictóricas contemporáneas. A súa mirada é sempre a dun pintor, aínda que formalmente transcenda o cadro e empregue en ocasións medios como a fotografía, o vídeo, ou a instalación, sempre na procura do diálogo co contexto arquitectónico (clave no seu ideario). Valora o proceso como a parte máis relevante do traballo dun artista, e os seus referentes abarcan desde pintores como o seu mestre Lucio Muñoz —figura crucial nos seus primeiros pasos—, a escultores como Richard Serra e Robert Smithson, ou arquitectos como Peter Zumthor.
Na Colección Afundación atopamos dúas imaxes silentes e suxeridas que exemplifican o seu imaxinario. En Lenta luz (1997), correspondente á súa etapa inicial, podemos apreciar o seu concepto de pintura como unha «cuestión de aparición, encontro, sensación e percepción». Nela alude á temporalidade da luz que tanto lle interesa e valora. Sérvese dunha técnica mixta para representar unha franxa de luz que se interna nun espazo de gran formato negro (cor recorrente nesta etapa) pintando a semiescuridade desde a semiescuridade, o que lle confire á sobria composición certo misterio. Na fotografía Las sombras mendigas del escenario de Alez Zik (2004), na que cambia de medio, non así de linguaxe, a temporalidade e a luz son de novo protagonistas nunha obra na que dominan as sombras xerando unha atmosfera de incerteza e inquietude.
Bibliografía
V MOSTRA Unión Fenosa, MACUF, A Coruña, 1997.