ORO CLARO
Oro Claro, Xurxo
( Loeda, Ourense, 12 de octubre de 1955 )
Biografía
Reside en Allariz desde os dous anos. De formación autodidacta, a súa loita pola súa propia superación vai ser constante. No colexio queda reflectida a súa destreza no debuxo. Iníciase na pintura como vía de escape a unha situación de angustia e confusión persoal. Deste xeito, a súa primeira exposición individual na galería El Rincón del Arte de Ourense en 1982 supón unha purificación ritual. Os seus constantes cambios estilísticos, aínda que coherentes, serán un reflexo do seu afán de busca e da súa insatisfacción persoal, froito dunha vida interior complexa. Londres é o seu lugar de residencia durante 1983, onde descobre os expresionistas abstractos americanos, e expón na Mall Gallery e na Harrow Art Society. En 1985 iníciase na escultura, na que traballará coa pedra, co ferro, coa madeira, co aceiro inoxidable ou mesmo cos elementos industriais. A partir dos anos noventa, destaca a súa constante presenza en exposicións, bienais, convocatorias e certames de países como Alemaña, Inglaterra e Portugal, así como a súa participación durante anos consecutivos en reputadas feiras como ARCO.
Artista multidisciplinario, dá os seus primeiros pasos na pintura cun xestualismo negro; conforma figuras e obxectos co branco do lenzo. Pouco a pouco introduce cores como o vermello e amarelo en obras de pequeno formato. En Londres descobre a pintura expresionista abstracta americana de artistas como Pollock e De Kooning; ten unha grande influencia na súa obra pictórica, que agora busca un formato grande. Uns anos máis tarde, as súas obras reflicten o afán do artista por procurar unha identidade orixinaria influenciado por un espírito nacionalista; emprega símbolos ancestrais da cultura como espirais, cruces, frechas, puntos e estrañas marcas que reflicten o seu problemático mundo interior. Gradualmente a xestualidade da súa obra pictórica irase contendo e dá paso a un universo abstracto contido e colorista. A súa transición á escultura podemos entendela como natural para unha pintura con tanta presenza da materia. Comeza a traballar co ferro e crea unha escultura totémica de perfís humanos aos que lles aplica as mesmas tonalidades da súa obra pictórica. Posteriormente, explora a madeira e a pedra en expresionistas cabezas humanas. A súa continua investigación sobre novos materiais lévao a descubrir o aceiro, que lle permite acadar maior pureza nas formas. A mediados dos noventa, a súa obra vólvese máis conceptual en construcións con forma de caixas de gran verticalidade. O corpo humano, en ocasións fragmentado, así como os obxectos cotiáns, entran a formar parte da linguaxe escultórica do artista; evidénciase a influencia do artista Robert Gober.
Tres obras pictóricas e unha obra escultórica figuran na Colección Afundación. As pinturas Sen título, de 1982, pertencen á súa etapa inicial expresionista, e representan un universo abstracto de drippings e pinceladas nunha gama cromática restrinxida de negros, vermellos, amarelos, verdes e brancos. En Triángulo con testa (1989), de gran formato, dúas liñas curvas definen a composición con símbolos e signos característicos do artista: letras, cruces e frechas, situadas xunto a perfís expresionistas de cabezas humanas. Destaca a cor amarela nunha paleta con predominio de tons agrisados e marróns escuros. En Espazo líquido (2001), a súa obra máis recente, xoga co coñecemento e coa experiencia do espectador, pois reproduce en aceiro inoxidable un obxecto cotián vinculado ao mundo rural como é un recipiente de leite, que derrama o seu contido, realizado en vidro con efecto espello. A temática do traballo agrícola é fundamental na súa traxectoria, e con esta conceptual obra denuncia a industrialización do universo rural ao mesmo tempo que evoca un recordo da infancia.
Bibliografía
I, II y III Mostras Unión Fenosa. A Coruña, 1989, 1991 y 1993.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Volumes. Compostela, Xunta de Galicia, 1992.